Outubro, un mes intenso en proxección externa na RMPL

A Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) entende que a súa misión e a súa influenza se proxectan máis alá dos seus espazos e coleccións. Para consolidarse como un axente cultural de referencia, a Rede aposta firmemente pola proxección externa, unha estratexia vital para dar a coñecer o seu valioso patrimonio e fomentar a colaboración con outras institucións. Neste contexto, o mes de outubro a RMPL ten unha intensa actividade, con múltiples participacións en foros e destacadas exposicións que reforzan o seu papel.
A actividade arranca en Valencia entre o 1 e o 3 de outubro no “IV Congreso Internacional de Museos e Estratexias Dixitais (CIMED 2025) Museos Intelixentes”, onde a xerente da rede, Encarna Lago, participa nunha mesa redonda sobre redes de colaboración o 3 de outubro ás 13:30 h. Consulta toda a información aquí: https://remed.webs.upv.es/cimed2025/presentacion/
De seguido, o 7 de outubro, celebrarase a inauguración da exposición “Maruja Mallo. Máscara y compás” no Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía, onde o Museo Provincial de Lugo contribúe con cinco obras da pintora lucense, un claro exemplo do valor das súas coleccións. info: https://www.museoreinasofia.es/exposicion/maruja-mallo
O 9 de outubro, a deputada delegada da área de cultura, Iria Castro, e a xerente da Rede, Encarna Lago, estarán en Antas de Ulla nas “Xornadas de Acceso á cultura en Galicia 2025” do Consello da Cultura Galega, onde se presentarán as conclusións recollidas no encontro previo realizado no Pazo de Tor. Podes atopar máis información sobre o evento aquí: https://consellodacultura.gal/evento.php?id=202245.
O 10 de outubro, a xerente Encarna Lago tamén participará en Llanes (Asturias) nas xornadas RuRealidades · Habitar os pobos desde a cultura nunha mesa sobre a cultura como motor de cambio en Galicia. Se desexas coñecer máis sobre o encontro, podes facelo a través deste enlace: https://www.llanes.es/es/rurealidades-habitar-los-pueblos-desde-la-cultura-2a-jornada.
Ao día seguinte, o 11 de outubro, na sede da Fundación Vicente Risco, terá lugar a inauguración da exposición “Vicente Risco e Daniel Castelao: Galiza como proxecto vital”, na que a directora do MPL, Aurelia Balseiro, colabora co escrito “A paisaxe cultural galega en Risco e Castelao”. Máis detalles sobre esta exposición están dispoñibles aquí: https://www.fundacionvicenterisco.com/wp-content/uploads/2025/09/GALIZA_COMO_PROXECTO_VITAL.pdf.
Xa a metade de mes, os días 16, 17 e 18 de outubro, o Museo Provincial de Lugo participará no IV Encontro de Museoloxía ICOM España, celebrado no Museo de Pontevedra. A directora Aurelia Balseiro, xunto coa responsable do Departamento de Arqueoloxía e Historia, Mª Ofelia Carnero, e Javier Fernández Brage, presentarán a comunicación “Espazos finitos e ingresos constantes… como artellar a socialización das coleccións almacenadas nos museos”. Se desexas coñecer máis sobre o encontro, podes facelo a través deste enlace: https://www.icom-ce.org/iv-encuentro-de-museologia-icom-espana/.
O 18 de outubro, dentro do encontro “Democracia cultural, educación e museos”, organizado polo Museo Thyssen-Bornemisza a través de educaThyssen, a xerente da Rede ofrecerá a conferencia “Museología social en acción: la función educativa en los museos de la RMPL” ás 13:30 h. Se queres saber máis deste encontro podes facelo aquí: https://www.educathyssen.org/centro-estudios/educacion-museos/democracia-cultural-educacion-museos
Finalmente, o 27 de outubro ás 16:00, a xerente Encarna Lago representará a RMPL nunha nova edición das xornadas “No sólo musas. Encuentro de mujeres de las Artes Escénicas” en Sevilla.


