Padre Roble

Tributo ao legado do poeta Eduardo González Ananín

Do 08/05/2026 ao 20/06/2026

O Museo Provincial de Lugo acolle o venres 8 de maio, ás 19:00 h, a inauguración de “Padre Roble. Tributo ao legado do poeta Eduardo González Ananín”. Esta instalación forma parte do proxecto da Fundación Artiaga dedicado á memoria do autor e presenta unha proposta baseada na interacción entre a luz e o son. A obra prescinde da presenza física da árbore para articularse mediante estruturas de xeometría pura que reconfiguran o espazo expositivo.

As estruturas, dispostas en diferentes alturas, forman unha arquitectura de luz que o visitante percorre nun ambiente de penumbra. A peza integra tecnoloxía láser nas súas aristas, permitindo que o público active acordes de guitarra, piano, chelo ou violín mediante o contacto físico. Esta interacción xera unha paisaxe sonora única que modifica simultaneamente o brillo e o ritmo da iluminación, convertendo ao espectador en parte activa do comportamento da obra.

O diálogo entre a materia e a tecnoloxía complétase cunha proxección virtual en tempo real. Esta sombra dixital reacciona aos sons producidos na sala, traducindo o movemento e a intensidade acústica en formas visuais evolutivas. Deste xeito, a exposición establece un espazo de memoria onde o legado de González Ananín se manifesta a través da interacción entre o corpo, a luz e o son.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes