Pazo de Tor: un espazo de encontro para o cinema e a memoria.

O Pazo de Tor viviu este mércores unha xornada especial marcada polo encontro e a reflexión. O cineasta Oliver Laxe visitou as instalacións no marco do programa Comunidade Museo, unha iniciativa impulsada por Sacra Experience en colaboración coa Rede Museística Provincial de Lugo, que busca transformar o patrimonio nun espazo vivo.

Durante a visita, o director de Sîrat compartiu coñecementos e experiencias nun obradoiro celebrado no espazo de didáctica do museo. A xornada permitiu percorrer as salas do pazo, redescubrindo as coleccións e o mobiliario que custodian a historia e achegando unha ollada artística á alma dun edificio que inspira a creación.

Un dos momentos máis significativos foi a presentación das intervencións do proxecto Soterradas. A deputada de Cultura, Iria Castro, e a xerente da Rede, Encarna Lago, acompañaron ao cineasta na aproximación aos espazos que, durante décadas, habitaron as persoas do servizo doméstico. Recuperar estas estancias para o percorrido visitable constitúe un acto de xustiza e recoñecemento cara á súa memoria, ofrecendo unha visión humana e completa da historia colectiva.

O Pazo de Tor posúe unha sólida traxectoria vinculada ao ámbito audiovisual, ao ter servido como escenario de rodaxes cinematográficas tan sinaladas como Beatriz  de Gonzalo Suárez El rey del río de Gutierrez Aragón nas décadas de 1970 e 1990, a curtametraxe O labirinto ario do cineasta chantadino Alfredo Pardo, e a recentemente a aclamada longametraxe A Esmorga, dirixida por Ignacio Vilar. Este vínculo histórico, motivo de orgullo institucional, cultívase na actualidade con novas propostas. A presenza de creadores como Oliver Laxe permite repensar o espazo e reafirma o seu papel como lugar de creación e fogar para a cultura, consolidando o seu carácter como patrimonio aberto a toda a comunidade.

Coa mesma ilusión, o Pazo de Tor acollerá o vindeiro 18 de xullo un encontro co actor Sergi López. Será unha nova oportunidade para compartir conversas e seguir construíndo o futuro deste espazo cultural.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes