Pelúdez nos fondos arquivísticos do MPL

 Dende o 24/09/2024 ao 27/10/2024

O vindeiro martes ás 19:00 h terá lugar no Museo Provincial de Lugo a inauguración dunha exposición temporal, de carácter divulgativo, retrospectivo e histórico, dedicada á emblemática figura de Pelúdez. Este personaxe ficticio, estreitamente vinculado ás festas patronais de San Froilán, foi creado en 1908 por Antonio de Cora e, desde entón, ten desempeñado un papel fundamental na cultura popular da cidade de Lugo. As festas foron declaradas de Interese Turístico Nacional en 2006.

A exposición, que estará aberta ao público coincidindo coas datas do San Froilán, preséntase como unha oportunidade única para descubrir a historia e as vicisitudes deste singular persoeiro. A mostra, organizada a través dos fondos do Arquivo do Museo Provincial de Lugo (MPL), conta cunha importante selección de documentación procedente do arquivo persoal do finado xornalista José Trapero Pardo, cuxa colección se conserva nesta institución dende os anos 90.

Durante a visita, o público poderá gozar de documentos inéditos e imaxes históricas que relatan o desenvolvemento e a evolución de Pelúdez ao longo dos anos. Ademais, a exposición inclúe materiais especialmente creados para a ocasión, como o soneto da recoñecida escritora Marica Campo, engadindo unha dimensión poética á mostra.

A día de hoxe, é José de Cora quen lle dá vida a Pelúdez, ofrecendo unha crónica cargada de retranca e sarcasmo sobre o día a día das festas de San Froilán no xornal El Progreso.

O obxectivo principal desta exposición é non só visibilizar o valioso fondo arquivístico de Trapero, senón tamén dar a coñecer en maior profundidade a figura de Pelúdez, convidando á reflexión sobre o seu impacto cultural na historia recente de Lugo.

Toda a documentación desta mostra, procedente do AMPL, está escaneada a disposición pública en liña en:
https://arquivo.redemuseisticalugo.org/index.php

Inauguración

Consulta os paneis da exposición

Comparte nas túas redes