Presentación do catálogo da exposición Emocións de Soledad Penalta
Presentación do catálogo da exposición Emocións de Soledad Penalta

O Museo Provincial de Lugo celebrará o vindeiro 1 de agosto, ás 12:00 h nos xardíns da institución, o acto de presentación oficial do catálogo da exposición Emocións, da escultora Soledad Penalta. A mostra, que puido visitarse entre abril e setembro de 2024, formou parte do programa (RE)coñecer? (Re)presentar? (Re)distribuír? Rede Museística Provincial
O evento contará coa participación da deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro; a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago; o comisario da exposición, José Luis Barreiro; e a propia artista, Soledad Penalta.
Natural de Noia, Soledad Penalta é unha figura de referencia na escultura contemporánea galega. Emocións reuniu unha coidadosa selección de 20 pezas de gran formato que amosan a solidez, madurez e coherencia da súa produción máis recente. O catálogo, que será presentado neste acto, recolle unha análise detallada desta obra, así como reflexións arredor dunha traxectoria artística que combina a forza do aceiro coas palabras, o silencio e a luz.
As creacións de Penalta procuran construír un diálogo íntimo co espectador, afastándose de fórmulas escuras ou crípticas, e compartindo —en palabras de Brancusi, que a artista toma como guía— “pura alegría”.
Tras a súa presentación, o catálogo estará dispoñible para a súa descarga nesta mesma páxina web, facilitando o acceso á obra e pensamento dunha das creadoras máis destacadas do panorama artístico galego contemporáneo.


