Presentadas ás residencias artísticas “O (re)encontro”
no Pazo de Tor

O Pazo de Tor acolleu onte a presentación oficial das Residencias Artísticas “O (re)encontro”, un proxecto impulsado pola Rede Museística Provincial de Lugo, que supón a culminación e celebración do programa “Estudio Aberto”. No acto participaron a deputada delegada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, e a coordinadora do proxecto, Paula Cabaleiro.
“O (re)encontro” nace co obxectivo de consolidar o legado dun programa que, desde 2013, situou a provincia de Lugo como referente na creación artística contemporánea, facendo dos museos provinciais espazos de diálogo entre a arte, o patrimonio e a comunidade.
As residencias desenvolveranse entre o 1 e o 7 de agosto de 2025 no Pazo de Tor, e nelas participarán catro artistas seleccionados de edicións anteriores do proxecto “Estudio Aberto”:
- Mónica Trastoy (Vilalba, Lugo)
- Ana Arregui (Osuna, Sevilla)
- Miguel Benjumea (San Fernando, Cádiz)
- Luciana Rago (San Juan, Arxentina)
O proxecto contempla ademais unha exposición final, que se inaugurará o 8 de agosto no Pazo de San Marcos en Lugo, e que reunirá os traballos realizados durante a residencia, así como unha mostra representativa das obras de artistas galegos que participaron en edicións anteriores como Ruth Montiel Arias, Neves Seara, Chistian Villamide, Xosé Reigosa, Basilisa Fiestras, Reme Remedios, Lomarti, Roi Dominguez, David Fidalgo, Mar Ramón, Román Corbato, Félix Carpio, María Xosé Domínguez, Nuria Ruibal, Isabel Alonso, Gema López, Melania Freire, Bibi Martín, José Manuel Vidal, Senén Olano, Paz Vicente, Marcela Mastroiani.
A iniciativa complétase coa edición dun catálogo recopilatorio que documentará a traxectoria de “Estudio Aberto”, os procesos creativos desenvolvidos, así como o impacto e compromiso da Rede Museística Provincial co patrimonio cultural, os dereitos culturais e a accesibilidade.


