A Área de Cultura da Deputación e Correos presentan o material filatélico do Día Internacional da Persoa Migrante

Programa COUSAS NOSAS: Dereitos culturais en acción. A educación e a cultura de paz

A Área de Cultura da Deputación de Lugo, a través da Rede Museística Provincial (RMPL), presentou este luns unha nova iniciativa do Museo da Migración: a edición de material filatélico especial realizado por Correos con motivo do Día Internacional da Persoa Migrante. Esta acción inscríbese dentro do “Programa COUSAS NOSAS: Dereitos culturais en acción. A educación e a cultura de paz”, e ten como obxectivo principal poñer en valor e visibilizar o labor do Museo da Migración da RMPL.

O acto de presentación contou cunha destacada representación institucional e social. Asistiron Iria Castro, deputada delegada de Cultura da Deputación de Lugo; Encarna Lago González, xerente da RMPL e responsable do Museo da Emigración; e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo. Tamén participaron as entidades colaboradoras a través de José Luís Rey Barreiro e Andrés García Pascual, presidente e vicepresidente da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI) respectivamente; Francisco Javier Arias Pérez, director da Oficina Principal de Correos de Lugo; e Ana Bereciartúa, presidenta da Asociación Rioplatenses de Lugo.

A emisión presentada componse dun selo personalizado e unha tarxeta “enteiro postal”, ambos con tarifa C para correo internacional. Cómpre salientar que se trata dun fito filatélico, xa que é a primeira ocasión en que en España se emite unha tarxeta destas características con tarifa postal internacional. O conxunto complétase cun mataselos conmemorativo oficial de Correos. Este mataselos comezará a utilizarse o vindeiro 18 de decembro no Museo e, posteriormente, estará dispoñible durante un mes na Oficina Principal de Correos de Lugo para o seu uso por parte do público que o solicite.

Programación especial e entrega de postais

A tarxeta postal con franqueo pagado, que reproduce a imaxe do Museo da Migración, entregarase o propio 18 de decembro ás persoas que participen nos actos organizados pola Rede Museística Provincial para conmemorar o Día Internacional das Persoas Migrantes.

A programación estenderase durante dúas xornadas. O xoves 18 de decembro comezará ás 16:30 horas cun roteiro pola cidade de Lugo xunto á comunidade migrante baixo o título “Cartografía da acollida: Saír do mapa”. Ese mesmo día, ás 19:00 horas, o Museo Provincial de Lugo acollerá a inauguración da exposición “Memorias Migrantes: Arquivo gráfico en construción”, de Adela Vázquez (Premio Ajerga 2024), ademais da presentación do proxecto “126+”. As actividades finalizarán o venres 19 de decembro ás 17:00 horas na RMPL coa proposta “Hackea a túa visita. Diálogos en clave decolonial”.

Material filatélico presentado

Comparte nas túas redes