Proxección Externa da Rede Museística Provincial de Lugo

marzo

os catro museo da RMPL

A Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) continúa coa súa labor de difusión e colaboración a nivel galego e estatal a través de diversas iniciativas e proxectos que potencian o acceso á cultura e a mediación cultural. Durante o mes de marzo, a RMPL estará presente en diferentes foros e actividades de gran relevancia:

  • 7 e 14 de marzo: A directora do Museo Provincial de Lugo (MPL), Aurelia Balseiro, participará como convidada no proxecto “Os castros: un nome misterioso”, organizado polo CEIPP Virxe do Carme de Burela. Neste contexto, abordará a protohistoria da vila de Burela, as pegadas castrexas presentes na zona e o emblemático torques de Burela, conservado no MPL.
  • 12 de marzo: A xerente da RMPL, Encarna Lago, intervirá no Seminario Red PLANEA Galicia: Red de Arte e Escola en Galicia, que se celebrará no Centro Cívico de Cidade Vella (A Coruña). PLANEA é unha rede de centros educativos, axentes e institucións culturais que promoven a utilización das prácticas artísticas na escola pública de maneira transversal.
  • 13 de marzo, ás 19:00 h: No Museo de Pontevedra presentarase o libro Galicia en la Exposición Iberoamericana de Sevilla (1929-1930). As coautoras Aurelia Balseiro, directora do MPL, e María Quiroga, técnica do departamento de Belas Artes do MPL, participarán na mesa de presentación.
  • 14 de marzo: Encarna Lago e Ángeles Miguélez impartirán a conferencia “Mediación Cultural e comunidades para todas as persoas” dentro do Curso de Experto Universitario en Xestión e Innovación Cultural da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
  • 26 de marzo: No Pazo de Goáns (Boiro), Encarna Lago participará no Ciclo de Xornadas Acceso á Cultura en Galicia, organizadas polo Consello da Cultura Galega dentro da liña de traballo sobre Dereitos Culturais.
  • 27 e 28 de marzo: A xerente da RMPL, Encarna Lago, intervirá nas Jornadas Convençao Faro, tituladas Cuando hablamos de Faro, ¿de qué estamos hablando?: pensar, sentir, experimentar. Participará xunto a Benito Burgos, Subdirector Xeral de Cooperación coas CCAA do Ministerio de Cultura; María Montesino, La Ortiga Colectiva e Aintzane Eguilior. Bizkaikoa. Diputación Foral de Bizkaia, na mesa “Os dereitos culturais, a participación cidadá e o recoñecemento do patrimonio como un recurso para a cohesión social”
  • 31 de marzo: Encarna Lago e Ángeles Miguélez participarán na xornada de formación La Museología Emocional y la Museografía Sentimental: Introducción a estos conceptos desde la experiencia de la Red Museística Provincial de Lugo, que terá lugar en La Laboral Ciudad de la Cultura.

A presenza da RMPL nestes encontros e eventos reforza o seu compromiso coa educación, a investigación, a divulgación e a inclusión cultural, consolidando a súa posición como referente no eido museístico e patrimonial galego.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes