Proxección externa da Rede Museística Provincial de Lugo en outubro e novembro

A Rede Museística Provincial de Lugo continúa coa súa proxección externa o vindeiro mércores, 4 de novembro de 2026, a través da participación nas III Xornadas USC-EASD Ramón Falcón, tituladas “Arte e deseño en Lugo: dos procesos creativos á xestión cultural”. A xerente da Rede, Encarna Lago, intervirá ás 10:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Humanidades da USC co relatorio “Deseñar a inclusión: accesibilidade, igualdade e sustentabilidade desde a orixe. Proxectos da RMPL”, nun encontro que se desenvolverá ao longo do día entre a Facultade de Humanidades e o Salón de Actos da EASD Ramón Falcón.
Esta proxección completarase ao longo do mes de novembro con outras tres accións:
-
Martes 10 de novembro: Participación da directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, na xornada “Construír museo: a investigación como núcleo da institución”, organizada polo Consello da Cultura Galega.
-
Xoves 19 de novembro: Inauguración da exposición “A terra do ouro branco” no Museo Centro Gaiás-Cidade da Cultura, na que o Museo Provincial de Lugo participa mediante o préstamo de pezas da colección de ourivería antiga.
-
Sábado 28 de novembro: Participación da directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, e da responsable do Departamento de Arqueoloxía do Museo Provincial de Lugo, Mª Ofelia Carnero, no “XXIII Congreso Internacional sobre Bronces Antiguos (IconAB)”, organizado polo Museo Nacional de Arte Romano de Mérida.
No marco desta mesma proxección externa da Rede Museística Provincial de Lugo, durante o pasado mes de outubro a entidade tamén participou noutros dous foros fóra das súas sedes:
-
Venres 23 de outubro (Ourense): XIV Xornadas da Sección de Historia da Asociación Española de Neuropsiquiatría – Profesionais de Saúde Mental. Encarna Lago impartiu o relatorio “De ‘Entolearte’ á vida tras os laberintos mentais”.
-
Mércores 28 de outubro (Santiago de Compostela): Xornada “Innovación do Patrimonio Cultural de Galicia”, na Cidade da Cultura de Galicia. O encontro abordou a creación do Observatorio con Luís Valle e Olaia Fontal, e incluíu un debate sobre o ecosistema patrimonial coa participación de Encarna Lago, Xosé-Lois Armada, Cecilia Pereira e Emilio Abad, pechando coas conclusións de Miguel Ángel Cajigal.


