Quen ocupa esa cadeira?:

Especial Mulleres

Cartel do evento 'Quen ocupa esa cadeira? Especial Mulleres', organizado pola Escola Palimoco. No centro, unha cadeira azul sobre fondo claro, coa frase 'QUEN OCUPA ESA CADEIRA?' escrita en grandes letras vermellas. Na parte superior dereita aparece o nome do 'Museo Provincial de Lugo'. Na parte inferior, os logotipos da Escola Palimoco e da Rede Museística Provincial de Lugo, indicados como entidades organizadoras e colaboradoras

O 8 de marzo, de 12:00 a 14:00, o Museo Provincial de Lugo énchese de cadeiras baleiras. Pero ollo, non son cadeiras calquera. Son portas abertas, son máquinas do tempo. Aquí sentas e, sen darte conta, estás viaxando pola historia de mulleres que, dun xeito ou doutro, fixeron que o mundo sexa hoxe como é.

O proxecto comezouno fai anos a Escola Palimoco, da man de Paloma Lugilde. A idea é sinxela e marabillosa: habitar os espazos con historias. O alumnado senta nunha cadeira, fronte a outra baleira, e espera. Espera que alguén pare, que se sente, que escoite. Porque todo o que pasa despois non está escrito en ningún guión: cada encontro é único.

Ese día serán 70-80 voces, de 5 a 38 anos, as que lle poñan corpo e memoria a mulleres que abriron camiño e que, dalgunha forma, fixeron que o mundo avanzase. Están, entre outras, Nevenka Fernández, que dixo basta cando todo estaba feito para que calase; Yoyes, que quixo cambiar as regras e pagouno caro; Mixabel, que apostou pola paz cando doado era alimentar o odio. Están as nais que se enfrontaron á heroína coas mans espidas, ou Ariana Grande, que leva o seu talento e a súa voz máis alá da música, inspirando a unha xeración.

Se queres formar parte desta experiencia, achégate o 8 de marzo ao Museo Provincial de Lugo. Senta, escoita, descubre. Porque cada cadeira ten unha historia que contar.

Video

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes