Ronsel 100: a música nas revistas de vangarda
Un concerto do tenor Jonatan Alvarado e o guitarrista Samuel Diz.
Este concerto, deseñado para a ocasión polo concertista e investigador Samuel Diz, preséntase coma unha travesía transatlántica con composicións de Manuel de Falla, María Teresa Prieto ou Gustavo Durán publicadas, respectivamente, nas revistas Le Revue Musicale, Música ou Litoral. Un crisol sonoro que nos convida a viaxar á Arxentina de Norah Borges, autora do marabilloso gravado en madeira Juerga flamenca impreso no número 4 de Ronsel. I é que Arxentina acolleu a un importante número de persoas exiliadas tras a Guerra Civil, entre as que atopamos a Rafael Alberti, autor de Se equivocó la paloma, poema musicado por Carlos Guastavino, compositor e creador dunha estética coral arxentina da que é herdeiro directo o tenor Jonatan Alvarado.
SAMUEL DIZ
O concertista de guitarra clásica Samuel Diz (Tui, 1986) é un intérprete e investigador especialista no legado musical da Idade de Prata da cultura española. Titulado superior no Conservatorio Superior de Música de Sevilla e mestrado en Patrimonio cultural e museoloxía na Universidade Internacional de Valencia, Diz ten actuado na Fundación Juan March ou o Palau da Música Catalá, onde recibiu o Premio da Crítica «El Primer Palau» polo seu «estudo e coherencia do programa, demostrando unha alta seguridade escénica e un son moi diáfano coa guitarra», en paralelo a unha traxectoria internacional con concertos na Cleveland Classical Guitar Society de Estados Unidos, no Centro das Artes de México, na Galleria Nazionale de Roma ou no Harare International Festival of the Arts de Zimbabwe.
En 2019 realizou unha residencia artística na Casa-Museo “Huerta de San Vicente” de Granada coa guitarra histórica de Federico García Lorca que tivo por resultado o disco “Memoria de la melancolía” (Poliédrica, 2020). En 2011 estreou a inédita “Pastoral” para guitarra de Jesús Bal y Gay, incluída no seu disco “Guitarra clásica galega” (Ouvirmos, 2012), e recentemente participou no CD “Rosa García Ascot: obra completa” (Cézanne, 2023).
En paralelo a súa traxectoria artística, Samuel Diz investiga e impulsa a recuperación de composicións inéditas no I+D+i “Hacedoras de cultura: conexiones e intercambios artísticos transatlánticos en el siglo XX” do Departamento de Arte e Patrimonio do CSIC. En paralelo, en 2024 recibe o apoio da Residencia de Estudiantes e o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática para desenvolver o proxecto de investigación e reconstrución “Galería Diana (Ciudad de México, 1954-1965), un refuxio do exilio republicano español de 1939 en México dirixido por Rosa García Ascot (Madrid, 1902-2002)”. A nivel internacional, Diz ten ofrecido conferencias performativas nas universidades de Yale e Boston nos Estados Unidos, na Pontificia Universidade Católica de Porto Rico, na Universidade Nacional Autónoma de México, na University College Cork en Irlanda, ou no Oxford Queen’s College no Reino Unido.
JONATAN ALVARADO
O tenor arxentino Jonatan Alvarado (Mercedes, 1986) comezou a súa formación musical nos coros municipais de Mercedes dirixidos por Amalia Guaragna, discípula de Carlos Guastavino. Desde 2011 reside en Holanda, onde completou a súa formación vocal no Conservatorio de Ámsterdam na área de música antiga. En paralelo a unha intensa traxectoria concertística á fronte de Seconda Pratica, en grupos como Dá Tempera Velha ou Sollazo Ensemble, e á beira de intérpretes como Ariel Abramovich ou María Cristina Kiehr, desenvolve unha actividade solista de investigación e interpretación reflectida nos seus discos “Pajarillos fugitivos” (Ayros, 2018) e “Voces de Bronce” (TRTPK, 2023).
En 2019 participou xunto a Samuel Diz na gravación do disco “Memoria da melancolía” (Poliédrica, 2020) interpretando obras de Gustavo Durán, Carlos Guastavino e Manuel de Falla. Tras un concerto aberto no Parque Federico García Lorca de Granada, diversas institucións acolleron a presentación deste traballo como o Centro Generación del 27’ de Málaga, a Bidebarrieta Kulturgunea de Bilbao, o programa bianual Mostra Espanha ou o Festival de Música Española Manuel de Falla de Cádiz.
Actualmente, Jonatan Alvarado e Samuel Diz preparan un novo traballo discográfico dedicado aos cancioneiros que o músico, militar e diplomático Gustavo Durán escribiu entre 1944 e 1963 durante o seu exilio en Estados Unidos, Cuba e Chile. Un traballo de investigación e recuperación que pon en diálogo as fontes manuscritas orixinais conservadas na Residencia de Estudantes co testemuño directo das fillas do compositor: Jane e Lucy Durán.