Sempre vivas

Instalación escénica musealizada

O Museo Provincial de Lugo acolle o vindeiro 21 de maio, ás 19:00 horas, a proposta SEMPRE VIVAS, unha actividade integrada na programación da Rede Museística Provincial de Lugo co bando do Día Internacional dos Museos 2026. Esta iniciativa configúrase como un proxecto que revisita e resignifica os espazos museísticos e as memorias que albergan, transformando a institución nun percorrido de escenas vivas onde a arte opera como detonante para a reflexión colectiva.

A través de linguaxes contemporáneas como a performance, a instalación, a poesía e as artes visuais, a exposición aborda experiencias vinculadas ao corpo, á memoria e ás violencias machistas. SEMPRE VIVAS adopta o formato dun museo vivente no que creadoras procedentes do Uruguai, Arxentina, Perú, Galicia e Cuba habitan as salas e forman parte da propia obra como instalacións escénicas. Esta pluralidade xeográfica xera un diálogo entre diversos contextos, evidenciando a transversalidade transfronteiriza, xeracional e social da cultura patriarcal.

A proposta aliñase coas prácticas museísticas actuais que combinan exposición, artes escénicas e mediación cultural para ampliar os modos tradicionais de interacción co patrimonio. Neste modelo, o público circula libremente e atravesa os espazos sen distancia contemplativa, interactuando coas accións, textos, voces e intérpretes. Deste xeito, o proxecto activa o patrimonio histórico do Museo Provincial de Lugo desde unha perspectiva actual, promovendo a incorporación de novos públicos, como o sector estudantil, e consolidando o museo como un espazo de encontro e debate arredor de realidades sociais complexas.

Comparte nas túas redes