A colección Villaamil y Castro no Museo Provincial de Lugo

Cartel da exposición Exposición A colección Villaamil y Castro no Museo Provincial de Lugo” a parte esquerda aparece un retrato antigo en sepia de Villaamil y Castro con barba e lentes, mirando cara á dereita. Á dereita do retrato, en letras grandes aparece o título “Exposición. A colección Villaamil y Castro no Museo Provincial de Lugo”. Debaixo, anúnciase a presentación da mostra, organizada por Iria Castro Fernández, Encarna Lago González e Aurelia Balseiro García. Terá lugar o xoves 19 de xuño ás 19:30 horas no Museo Provincial de Lugo. Na parte inferior aparecen os logotipos da Deputación de Lugo, Cultura e a Rede Museística Provincial.

Dende o 19/06/2025 ata o 31/08/2025

O Refectorio do Museo Provincial de Lugo acolle, desde o 19 de xuño ata o 31 de agosto, a exposición “A colección Villaamil y Castro no Museo Provincial de Lugo”. Esta mostra forma parte do programa “Coleccionismo e museos” que o MPL está a desenvolver neste ano 2025 e artéllase en torno aos seguintes obxectivos:
• Dar a coñecer as pezas da colección Villaamil y Castro que se conservan no Museo Provincial de Lugo.
• Contribuír ao seu estudo para xerar novos contidos e achegas, presentes e futuras, e transferilas á sociedade.
• Difundir e valorar a importancia do coleccionismo na conformación dos fondos museísticos.
• Transmitir a memoria das coleccións do MPL e dos axentes coleccionadores.
• Divulgar a función investigadora e conservadora dos departamentos científicos do museo.
• Relacionar a transferencia do coñecemento coas sinerxías de valor social, a nivel local e xeral, desde formulacións interdisciplinares e transversais.

José Villaamil y Castro foi bibliotecario, arquiveiro, anticuario, historiador e bibliógrafo. Dedicou boa parte da súa vida á investigación histórica e arqueolóxica, contribuíndo notablemente ao coñecemento e conservación do patrimonio lucense e galego. Ao longo da súa traxectoria compilou un gran número de bens patrimoniais, conformando unha colección heteroxénea composta por pezas de diferentes épocas, procedencias e materiais, como pinturas, cerámicas, esculturas, obxectos arqueolóxicos, manuscritos, numismática e mesmo copias.

Parte desa colección foi depositada no Museo Provincial de Lugo pola súa filla, María Josefa Villaamil Santiso,o 12 de xullo de 1934, pasando a formar parte dos fondos da institución e amosándose agora nesta exposición coordinada pola Dirección do museo xunto cos Departamentos de Arqueoloxía e Historia, Belas Artes, Etnografía e Artes Decorativas e Negociado de Coleccións.

A mostra inspírase no catálogo da exposición celebrada en 1885 pola Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela, cuxos epígrafes se tomaron como referencia para artellar o discurso expositivo.

Ademais, como actividade complementaria, o xoves 26 de xuño, ás 19:00h, terá lugar a mesa redonda “Unha semblanza da conservación patrimonial galega a través de Villaamil y Castro”. Contará coa participación de Antonio Prado, Abel Vigo e Erea Castro, así como coa moderación de Aurelia Balseiro. Nela exporase o papel do persoeiro na súa etapa vital en Mondoñedo e en Lugo, onde estudou no Instituto de Ensino Medio, ademais de introducir a relevancia do coleccionismo na valoración do patrimonio en Galicia durante a segunda metade do s. XIX, co fin de xerar un debate participativo ao respecto.

FICHA TÉCNICA DA EXPOSICIÓN:

Título: A colección Villaamil y Castro no Museo Provincial de Lugo
Programa: 2025. Coleccionismo e museos
Datas: Desde o 19 de xuño ata o 31 de agosto
Comisariado e textos: M.ª Ofelia Carnero Vázquez, Victoria García Soengas, María Quiroga Figueroa e Paula Salinas Somoza
Coordinación xeral: Aurelia Balseiro García
Dirección, Departamentos de Arqueoloxía e Historia, Belas Artes, Etnografía e Artes Decorativas e Negociado de Coleccións do MPL
Colaboran: Departamento de Montaxe de Exposicións do MPL, Arquivo da Deputación de Lugo, Arquivo do Instituto Lucus Augusti, Arquivo Histórico do Concello de Mondoñedo, Antonio Prado Gómez e Abel Vigo García

Making Of

Vídeo da exposición

Comparte nas túas redes