Visita de Virxinia Pereira, viúva de Castelao, ao Museo Provincial de Lugo

Como colofón á programación desenvolvida polo Museo Provincial de Lugo en conmemoración do 75 cabodano de Castelao (Rianxo, 29 de xaneiro de 1886 – Bos Aires, 7 de xaneiro de 1950), compartimos esta dedicatoria que a súa viúva, Virxinia Pereira, deixou no libro de visitas do museo tralo seu paso polo mesmo o 20 de agosto de 1966:
Con afervoada emoción na miña visita a este Museo que me interesou sinceiramente deixo constancia coa miña firma
Virxinia P. de Castelao
A prensa da época fixo eco desa visita, indicando que Virxinia acudiu ao MPL acompañada por Álvaro Gil Varela -gran benfeitor desta institución- e que, tras percorrelo, eloxiou as súas instalacións e coleccións artísticas e arqueolóxicas. Ademais, no seu paso polo museo tivo ocasión de contemplar os debuxos expostos de Castelao, que na actualidade se poden ver na sala monográfica que o MPL lle dedicou en 2009.
Cabe destacar o importante labor que Álvaro Gil Varela realizou en prol da difusión e conservación do legado de Castelao. Nunha carta da súa autoría, con data do 8 de xullo de 1964, indica que se lle fixo un pago simbólico a Virxinia Pereira pola obra do seu defunto marido que fora incautada e depositada no museo de Pontevedra, sinalando, ademais, a intención de enviar varios debuxos para o Museo Provincial de Lugo. (Vid. Balseiro García, A.: “Historias de doazóns museísticas”, Nós Diario, 5/6/2024). A este mecenas débeselle a colección de pezas de Castelao que se conservan no MPL, doadas o 18 de decembro de 1965 (pódense ver no seguinte enlace).