Descobre a exposición “O Vestiario das Almas Pintadas”
con David Quiñones

O vindeiro domingo, 16 de novembro, ás 12:00 h, o Museo Provincial de Lugo ofrece unha visita guiada á exposición “O Vestiario das Almas Pintadas. A indumentaria galega nos cadros costumistas”. A visita será dirixida por David Quiñones, membro da Asociación Etnográfica Sete Espadelas e un dos comisarios da mostra.
Esta exposición, organizada pola Rede Museística Provincial da Deputación de Lugo, é unha experiencia que pon en diálogo 45 manequíns (con máis de 600 pezas de roupa antiga e reproducións fieis) xunto ás obras de arte e esculturas costumistas que as inspiraron.
Durante o percorrido, da man dun dos seus responsables, os asistentes poderán mergullarse nas escenas da vida cotiá representadas nos cadros e coñecer os detalles do traballo de investigación e reprodución. A visita permitirá apreciar ao detalle o vestiario, a ourivería e os obxectos etnográficos dos nosos antepasados, entendendo a fondo esta “posta en escena” que recupera do esquecemento figuras da nosa memoria popular.
Inscrición e Prazas
Para garantir a calidade da visita, ofrécense 25 prazas. As persoas interesadas deben inscribirse enviando un correo electrónico a concertacionsrmp@gmail.com.
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
No caso de que a demanda supere a oferta, habilitarase unha segunda quenda de visita ás 11:00 h do mesmo día.


