Francisco Vázquez Díaz, Compostela
125 Aniversario do seu nacemento
Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
Francisco Vázquez Díaz nace en Santiago de Compostela o 7 de setembro de 1898 no seo dunha familia humilde e numerosa. A súa vocación de escultor comeza desde moi cedo, á beira do seu pai, canteiro de profesión.
Inicia a súa formación como aprendiz en varios talleres de tallistas, imaxineiros, escultores e ebanistas nos que se inicia no oficio da escultura, actividade que compaxina con asistencia ás aulas da Sociedade Económica de Amigos do País e á Escola de Artes e Oficios de Santiago.
As súas primeiras obras son de carácter realista e están moi influenciadas pola arte popular galega e o traballo tradicional de canteiros e ebanistas. Con vinte anos trasládase a Madrid, cidade que nesa época é un fervedoiro cultural, e ao mesmo tempo que traballa en importantes talleres de ebanistería como Casa Herráiz ou Cándido Méndez, asiste á Escola de Artes e Oficio para estudar modelado e talla.
Pronto decide dedicarse por completo á escultura e para darse a coñecer elixe o nome artístico de “Compostela” facendo referencia á súa orixe galega.
A falta de recursos fai que empregue como modelos aos animais que vía no Museo de Ciencias Naturais e na Casa de Feras de Madrid. Entre os seus preferidos estaban: o cebú, o marabú, o cóndor, o mono e os pingüíns aos que representaba dotándoos de carácter humano.
Na Escola de Artes e Oficios de Madrid coñece as obras dos animalistas franceses, que inflúen decisivamente na súa obra. Outra fonte de inspiración para o artista é a Revista de Historia Natural, que lle proporciona variedade de modelos.
O material favorito de Compostela para realizar as súas obras era a madeira aínda que tamén empregaba a pedra. Xeralmente utilizaba a talla directa aínda que en ocasións tamén realizaba bosquexos a lapis ou plumilla. En 1927 dáse a coñecer como artista cunha exposición efemera das súas obras na escalinata do Congreso dos Deputados, coa que obtén moi boas críticas. En Galicia é introducido nos ambientes culturais da man de artistas como Asorey, Juan Luís ou Mariano Tito Vázquez.
Ademais das súas figuras de animais, vangardistas e cargadas de humor crítico e ironía, tamén realiza retratos por encargo, caricaturas e debuxos humorísticos.
Compostela participa nun gran número de exposicións como: a de Arte Galega en Vilagarcía, a Exposición do Heraldo de Madrid; a Exposición Internacional de Barcelona, na que obtén un diploma de segunda clase; nas Nacionais de 1932 e 1936 e nos Salóns de Outono de 1931, 1932, 1935 entre outras.
En 1929 é contratado por Francisco Lloréns para realizar varios traballos no pavillón de Galicia da Exposición Iberoamericana de Sevilla, e recibe a medalla de ouro do xurado de recompensas da citada exposición.
En 1930 márchase a París coa axuda dunha bolsa que lle concede o Concello de Santiago. Alí recibe clases de pintura e escultura nas academias libres de escultura. O coñecemento da obra de Anatole France: “A illa dos pingüíns”, inspíralle para dotar ás súas esculturas de animais de personalidades e actitudes propias dos seres humanos.
Con todo, Compostela desenvolve a maior parte da súa actividade artística na República Dominicana, onde se traslada trala Guerra Civil e en Porto Rico, PAÍS onde, instálase definitivamente. Convidado polo Instituto de Escultura Portorriqueña, funda un taller de escultura contemporánea no que se formaron un gran número de artistas polo que será recoñecido como o pai da escultura de Porto Rico. Francisco Vázquez Díaz morre o 21 de febreiro de 1988, en San Juan de Porto Rico.
OBRA NO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO:
Marabú 1928
Talla en madeira policromada
43 x 14 x 15 cm.
Doazón de José Fernández López ao Museo Exposta na sala 12
María Quiroga/Departamento de Belas Artes
Tamén che pode interesar
Acordanzas: 25 anos da morte de Manuel Colmeiro Guimaraes
Manuel Colmeiro Guimaraes 25 anos da morte Temática: Belas Artes