IX Xornadas de divulgación científica do patrimonio arqueolóxico lucense:

A Memoria da Pedra

 Salón de actos da Deputación de Lugo

10 e 11/04/2026

O claustro do Museo Provincial de Lugo foi o escenario elixido este 13 de marzo para a presentación oficial das IX Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, que baixo o título “A Memoria da Pedra: O claustro do Museo Provincial de Lugo e as coleccións que alberga” se celebrarán os días 10 e 11 de abril de 2026. O acto contou coa participación institucional do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e a deputada delegada de Cultura, Iria Castro, acompañados pola xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, a directora do Museo, Aurelia Balseiro, e a técnica do Museo Provincial de Lugo, Ofelia Carnero. Organizadas pola Área de Cultura a través da Rede Museística, estas xornadas reafirman o compromiso da institución coa posta en valor e a difusión rigorosa do legado histórico da provincia.

Esta nova edición centra o seu interese científico no claustro do museo, un espazo que iniciou un proceso de mellora en 2025 coincidindo co seu 570 aniversario e que este ano celebra os 95 anos dende a súa declaración como Monumento Histórico-Artístico, hoxe recoñecido como Ben de Interese Cultural. A iniciativa xorde como un espazo de reflexión e intercambio arredor da historia desta arquitectura senlleira e das coleccións arqueolóxicas que custodia, utilizando a pedra como fío condutor que une o traballo dos canteiros coas máis de duascentas pezas que se expoñen nas súas arcadas.

O obxectivo fundamental é ofrecer unha visión integral que abranga dende a heráldica e a epigrafía ata a escultura relixiosa, analizando o claustro tanto pola súa relevancia monumental como pola súa función de espazo museal en constante evolución. A través da participación de especialistas de recoñecido prestixio, as xornadas pretenden ser un lugar de debate aberto á cidadanía onde se compartan estratexias de socialización do patrimonio e se afonde no significado histórico de pezas tan fundamentais como os capiteis ou os sepulcros que integran este conxunto único.

Comparte nas túas redes