21 SEMPRE
21 SEMPRE
Máis de 20 anos apoiando ás persoas con Alzheimer e ás súas familias
Máis de 20 anos apoiando ás persoas con Alzheimer e ás súas familias

Dende o 15/09/2026 ata o 30/10/2026
A Rede Museística Provincial de Lugo presenta 21 Sempre, unha exposición comisariada por Encarna Lago González e Silvia Fiallega Lorenzo na que 32 artistas, a través das súas obras, se unen para dar visibilidade ao Alzheimer e reivindicar os dereitos das persoas afectadas e das súas familias. A mostra inaugurarase o vindeiro día 15 de setembro ás 19:00 horas no Museo Provincial de Lugo e poderá visitarse ata o 30 de outubro.
Artistas participantes
Caxigueiro
Juanel
Cristina Basanta
Mauro Leivas
Martín Lestao
Belén Mogo
Neira Brochs
Chus Lage
Carmen Llonín
Ignacio Castro “Nachok”
Galiensoup
Lu Vila
Julián Bouza
Alicia Puchades
Carmen Porteiro
Pedro Cabarcos
H. Xeada
Laura Díaz
Mª Jesús Alonso López
Dolores Guerrero
Cris Bamio
Noa Persan
Soila Jankoska
Xoán Vila
Xosé Manuel Otero
Hanoi Vidal
Lomarti
Juan Pablo Mastroianni
Macía
José Manuel Peña Romay
Joana Vilaverde
Participación colectiva: IES Alfoz do Valadouro, Afalu, AFAN Burela e AFA Viveiro.
Esta exposición é tamén unha oportunidade para lembrar un camiño compartido que comezou no 2003, cando Afalu acababa de nacer. Desde entón, levamos máis de 20 anos colaborando cos colectivos, abrindo os museos á comunidade e entendendo a cultura como unha ferramenta de acompañamento, inclusión e benestar.
Ao longo deste tempo desenvolvemos actividades de reminiscencia, obradoiros, visitas adaptadas, encontros e proxectos de memoria compartida. Nos últimos anos, este traballo intensificouse especialmente en Monforte, desde o 2007 con AFAMÓN ata o día de hoxe, e na Mariña, cunha colaboración moi estreita actualmente con AFAN Burela e AFA Viveiro; froito desa relación é parte desta exposición. Iniciativas como Conserva de Memori(as) amosan como a arte e o patrimonio poden axudar a conservar lembranzas, crear vínculos e facer visibles as historias das persoas.
Con 21 Sempre, cada obra é unha voz que acompaña e unha invitación a reflexionar sobre a memoria, os coidados e a dignidade. Porque os museos non son só lugares onde se conserva o patrimonio: son espazos vivos que deben estar ao servizo das persoas.
Sumámonos tamén á reivindicación de CEAFA neste Día Mundial do Alzheimer: O “NON” xa non é resposta. Reclamamos que a innovación e os tratamentos aprobados cheguen ás persoas que os necesitan, en condicións de equidade e sen exclusións por motivos económicos ou polo lugar onde vivan.
Convidámosvos a visitar a exposición, descubrir as obras e acompañarnos nesta reivindicación colectiva. Máis de vinte anos despois, seguimos aquí, traballando cos colectivos, escoitando ás familias e defendendo unha cultura que coida.
Porque o Alzheimer non espera. Porque a memoria importa. Porque o “NON” xa non é resposta.


