Culturas en Diálogo
20 aniversario

A Rede Museística Provincial de Lugo celebra en 2026 unha dobre efeméride: os vinte anos de traxectoria da propia Rede e as dúas décadas de vida do programa Culturas en Diálogo. Desde hai 20 anos, o modelo de traballo da Rede entende os museos como espazos de participación, coidado e transformación social, unha liña de traballo que se canaliza a través do programa de Museoloxía Social “Saúde, Cultura de Paz e Bo Vivir”. Esta conmemoración ofrece a oportunidade de revisar o camiño percorrido, recoñecer as experiencias que marcaron estas dúas décadas e reafirmar o compromiso dos museos coa diversidade cultural, a participación e a convivencia.
Vencellado ao Museo da Migración da Rede, o proxecto conmemorativo nace para reflexionar sobre o mundo no que vivimos e sobre o papel da cultura na construción dunha sociedade máis humana e inclusiva. Ao longo de vinte anos e a través das súas sucesivas edicións, Culturas en Diálogo converteuse nun espazo de referencia para o encontro intercultural na provincia, promovendo mostras, xornadas de debate, actividades comunitarias e iniciativas de integración que conectaron comunidades diversas e achegaron os museos á cidadanía.
A programación conmemorativa desenvolverase ao longo de dous meses e botará a andar o vindeiro 10 de novembro co proxecto fotográfico “Raíces de Ceo”, da artista venezolana Cris Bamio e comisariado por Encarna Lago. A orixe desta proposta sitúase entre os anos 2023 e 2026, cando o programa de Museoloxía Social creou unha comunidade arredor do ioga da man de Stephanie Cubides, profesora chegada de Colombia e docente de MINOM. Máis de duascentas mulleres formaron parte desta experiencia nos museos provinciais, compartindo un espazo de benestar que vencellou a práctica física coa arte. Cris Bamio recolleu en imaxes unha escolma das participantes ao remate das sesións, retratando unha comunidade viva, feminina, aberta e inclusiva que reflicte o espírito do proxecto.
As actividades continuarán o 17 de decembro coa presentación de “Retrospectiva. 20 anos de Culturas en Diálogo”, onde se repasará o percorrido histórico e os fitos máis salientables acadados durante estas dúas décadas de traballo continuado. O 18 de decembro celebrarase a xornada “Tecendo redes. Persistir no diálogo” no Vello Cárcere, un encontro centrado na realidade multicultural de Lugo, onde conviven máis de 120 nacionalidades. Ese mesmo día inaugurarase no Pazo de Tor a mostra “Adiante”, unha exposición itinerante pensada para percorrer centros educativos xunto coa Caixa do Museo da Migración co fin de trasladar estas reflexións ao público escolar.
Nun contexto global onde a deshumanización e as violencias demandan respostas colectivas, esta programación reafirma a capacidade da cultura para xerar espazos de escoita e encontro, defendendo que persistir no diálogo é unha forma de contribuír á construción dunha sociedade máis xusta e acolledora.

