A Outra Patria
performance poética do Galego de Caracas
O Museo Provincial de Lugo acollerá o próximo 18 de decembro, ás 18:00 horas, a performance poética “A Outra Patria“, unha proposta escénica de Simón Rodríguez Landaeta, coñecido como O Galego de Caracas. Este evento enmárcase na celebración do Día Internacional do Migrante, baixo o lema “Xuntas e Xuntos na Diversidade: Por un Mundo Máis Humano“, organizado pola Asociación Rioplatenses de Lugo e a Rede Museística Provincial.
“A Outra Patria” é unha extensión escénica do poemario homónimo, publicado en 2024 por Medulia Editorial, co que o autor ofrece unha experiencia inmersiva de poesía viva. A través da súa actuación, O Galego de Caracas pon voz e corpo a versos que reflexionan sobre a experiencia migratoria, as mudanzas identitarias e o impacto cultural do desprazamento.
Simón Antonio Rodríguez Landaeta, alias O Galego de Caracas, é un creador multidisciplinar que combina poesía, spoken word e rap. Nado en Venezuela e neto de galegos, a súa traxectoria está marcada pola migración e o vínculo coas súas raíces. Tras rematar a Licenciatura en Letras, emigrou a Lugo en 2019 grazas ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior da Xunta de Galicia, onde cursou o Máster en Servizos Culturais da USC.
Dende entón, aprendeu galego e converteuse nun destacado divulgador intercultural a través das súas redes sociais como @galegodecaracas. A súa obra foi recoñecida co Premio Nacional de Poesía O Facho (2023) e o seu libro A Outra Patria consolidouno como unha das voces emerxentes da literatura galega contemporánea.
No ámbito escénico, participou en competicións como o Bóveda Slam Poetry, representando a Galicia no Poetry Slam España 2024, e chegou á final do Premio Nacional de Poesía Viva #LdeLírica en Madrid. Ademais, subiu aos escenarios de festivais como o Castelo Conta, o Festival Maré ou o Ceiba Rimas, combinando poesía e rap para transmitir o seu potente discurso intercultural.