A RMPL participa, un ano máis, no programa de formación inclusiva na Universidade de Málaga promovido pola Fundación ONCE.

A Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) reafirma a súa vocación social ao participar a próxima semana, por oitavo ano consecutivo, nunha das iniciativas máis vangardistas no ámbito da inclusión a través da cultura. Trátase dun programa universitario pioneiro de formación para o emprego, dirixido a mozos e mozas con discapacidade intelectual, que está impulsado pola Fundación ONCE e desenvolvido na Universidad de Málaga. Este proxecto, integrado no Sistema de Garantía Xuvenil e activo desde o curso 2017/2018, nace coa misión fundamental de derrubar as barreiras históricas que este colectivo atopa no acceso ao mercado laboral, utilizando o patrimonio como unha ferramenta esencial para o desenvolvemento persoal e profesional.
A implicación da Área de Cultura, a través da RMPL, aporta un valor singular a esta rede estatal grazas á colaboración directa de Encarna Lago, xerente da Rede, e á experiencia vital de Angeles Miguelez, funcionaria da institución. Ambas contribúen activamente ao desenvolvemento desta acción formativa de proxección internacional, reforzando un modelo cultural que entende a accesibilidade e a transformación social como eixes estratéxicos. O programa estrutúrase arredor dunha cualificación como técnico auxiliar en contornas culturais, onde o alumnado combina a teoría coa práctica en museos reais, mentres se integra plenamente na vida universitaria compartindo actividades académicas e de lecer co resto do estudantado.
A presenza da RMPL xunto a institucións de referencia como o Museo Nacional del Prado, o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o Museo Lázaro Galdiano, o Museu d’Art Contemporani de Barcelona, o Museo Regional de Arte Moderno de Cartagena, o Museo Carmen Thyssen Andorra, o Museo del Grabado Español Contemporáneo, o Centre Pompidou, a Colección del Museo Ruso de San Petersburgo Málaga, o Museo Carmen Thyssen Málaga, o Museo de Málaga, a Fundación Picasso Museo Casa Natal, o Museo Picasso Málaga e o Centro de Arte Contemporáneo de Málaga, así como o Vicerrectorado de Cultura de la Universidad de Málaga —entidade que coordina o curso e o título propio—, consolida unha rede colaborativa que conecta saberes e territorios en favor da diversidade funcional. Baixo a coordinación do citado Vicerrectorado, esta alianza entre o mundo académico e o sector cultural permite xerar oportunidades reais e sostibles. Tras oito anos de participación ininterrompida, a RMPL posiciónase como un referente na construción dunha cultura accesible e participativa que xa constitúe un modelo no ámbito estatal.


