100 anos do nacemento de Manuel del Río

Acordanza

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

En 1945, con 19 anos, Manuel del Río recibiu unha pensión da Deputación de Lugo que favoreceu os seus estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando en Madrid. Máis tarde realizou unha longa estancia en París (1952-58) durante a cal se aproximou á pintura impresionista e postimpresionista, en particular á obra de Paul Cézanne, un dos pintores franceses máis significativos da segunda metade do século XIX, considerado con frecuencia o pai da arte moderno, cuxa influencia orientou definitivamente a faceta de paisaxista de Del Río.

Tras regresar de París impartiu clases durante un tempo no Colexio dos Maristas de Lugo, do que fora alumno, e desde entón compaxinou a práctica artística coa docencia. En 1960 obtivo a Cátedra de Debuxo en ensino medio, tomou posesión da praza no Instituto Feminino de Oviedo e trasladouse a vivir á capital asturiana. Tempo despois acabou instalándose xunto á súa esposa, Pilar Balsa, con quen casou en 1965, na que sería a súa casa definitiva, nas Caldas, na Parroquia de San Xoán de Priorio, apenas a uns 10 km de Oviedo. Desde alí desprazábanse de cando en vez a Lugo, onde conservaban boas amizades, e cando o facían Manuel aproveitaba para pintar recunchos urbanos, pero sobre todo paisaxes do río Miño. En Oviedo foi tamén profesor de Perspectiva na Escola de Artes e Oficios e en 1980 ocupou a Cátedra de Expresión Plástica na Escola Universitaria de Maxisterio.

A produción de Manuel del Río foi ampla e abarca debuxos, esculturas e principalmente pinturas de diferentes xéneros e temas, bodegóns, retratos, espidos e sobre todo paisaxes. Acostumaba pintar ao aire libre, directamente da natureza e habitualmente da súa contorna próxima. Seguía a práctica popularizada por impresionistas e postimpresionistas e como eles o seu principal interese era capturar nunha soa sesión os cambios de luz, as cores, a atmosfera do momento e os cambios climáticos.

En 1986 faleceu nun accidente de tráfico a filla única de Manuel e Pilar e esta traxedia que marcou profundamente a vida de ambos repercutiu sobre xeito no artista, que practicamente abandonou a pintura. Deixou de saír a realizar as sesións diarias de paisaxe do natural e só debuxaba de cando en vez, se seica modelaba algunha peza escultórica. Nunca recuperou a súa pintura luminosa e vital.

Ata hai pouco tempo, nos fondos do Museo Provincial figuraban só dúas obras do pintor, os cadros ao óleo Vista de Lugo e A pasarela, pero en maio de 2023 a institución recibiu unha doazón efectuada por Pilar, a viúva do artista, unha importante e numerosa colección integrada por 28 cadros dos cales 11 son debuxos e 17 pinturas.

O conxunto de obras móstranos a evolución artística, as características técnicas e de estilo. Entre as pinturas predominan as paisaxes, pero tamén temos exemplos de naturezas mortas, algunhas da primeira época, mesmo da súa etapa de formación, e o retrato dun familiar, ámbito no que adoitaba atopar aos seus modelos.

A colección de debuxos pertence maiormente á súa etapa en Francia. Trátase de bosquexos tomados do natural de distintos lugares de París e arredores, de Niza e da emblemática montaña Sainte-Victoire ao sur do país, nas proximidades de Aix-en-Provence, lugar de nacemento e morte de Cézanne. Tamén forma parte da colección un debuxo a carboncillo datado en 1944 que representa unha composición cun porrón, un vaso e unha peza escultórica, un busto de muller renacentista, seguramente de escaiola, unha proposta característica de etapas de aprendizaxe en academias e escolas de arte para valorar volumes, luces e sombras e representar o aspecto de diferentes materiais.

LY/Departamento Belas Artes

Comparte nas túas redes