Acordanza: 200 aniversario do nacemento de Carlos de Haes

Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
Carlos de Haes é considerado o introdutor do Paisaxismo Realista moderno en España. Deixou atrás a tradición romántica e baseouse no estudo directo da natureza e na descrición fiel da realidade.
Cos seus grandes cadros de composición obtivo unha Terceira Medalla na Exposición Nacional de Belas Artes de 1856 e tres de Primeira Clase nas dos anos 1858, 1860 e 1862.
Ademais, o seu labor pedagóxico, como catedrático de paisaxe na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, da que era membro numerario, foi fundamental ao renovar o ensino artístico coa pintura ao aire libre. Formou a toda unha xeración de paisaxistas como Darío de Regoyos, Aureliano de Beruete ou Jaime Morera, entre outros.
Froito das súas clases de pintura polos arredores de Madrid e das viaxes estivais por Europa xunto aos seus alumnos predilectos, consérvase un nutrido conxunto de cadros de pequeno formato, debuxos e estudos do natural.
Tras o falecemento de Carlos de Haes, este legado pasou a mans dos seus discípulos máis próximos que, para render unha homenaxe ao seu mestre, decidiron doar a totalidade da obra ao Estado, co fin de crear unha sala monográfica no Museo Nacional de Arte Moderna que preservase a súa memoria.
Dúas destas obras exhíbense hoxe na sala 22 do Museo Provincial de Lugo e son depósito do Museo Nacional do Prado, receptor da colección tras a desaparición do Museo de Arte Moderna no ano 1971.
Trátase de dúas paisaxes bosquexadas realizadas do natural nunha soa sesión, nas que o artista nos devolve a realidade tal e como el a percibe, cunha composición sinxela baseada na superposición de planos, construída a base de liñas horizontais e diagonais.
A obra Gargantas de Jaraba de Aragón está pintada arredor do ano 1872. É un óleo sobre lenzo de 39 x 61 cm realizado durante unha viaxe a Jaraba, Aragón. Haes converte en protagonista desta obra ao chamado Barranco de las Hoces ou Cañada del Campillo. Nun primeiro plano, un camiño introdúcese entre grandes masas rochosas de perfís abruptos que se dispoñen en diagonais e en planos sucesivos contrapostos, levando ao espectador ata o fondo do cadro. O emprego de grandes masas en sombra contrastando con outras fortemente iluminadas sitúanos nun claro día de sol.
Dez anos despois, arredor de 1882, pinta Unha cerca rota (San Juan de Luz), un óleo sobre lenzo de 33,5 x 45,5 cm realizado durante unha excursión a Cantabria. Neste caso, a paleta de cores arrefría para captar a humidade dun día nubrado, polo que os contrastes de luz son moito máis suaves que na obra anterior. O artista volve empregar a receita da superposición de planos e converte un elemento sinxelo da paisaxe, como é unha cerca, en protagonista da súa obra.
Ademais destas dúas paisaxes, na sala 22 do Museo Provincial de Lugo exhíbese outra obra de Carlos de Haes, doada ao museo por Víctor Domínguez Borrajo, de Madrid, o 14 de xaneiro do ano 1962. Trátase dun óleo sobre lenzo de 28,5 x 41 cm coa representación dunha paisaxe realizada predominantemente con tons verdes e grises, na que os elementos compositivos reforzan o sentido de horizontalidade.



MQF. Departamento de Belas Artes do MPL


