San Francisco de Asorey.

100 anos da concesión da Medalla de Primeira Clase

Este ano cúmprense 100 anos da concesión dunha Medalla de Primeira Clase, ou medalla de ouro, na Exposición Nacional de Belas Artes á obra San Francisco do escultor Francisco Asorey, un galardón que entón supoñía o recoñecemento oficial para un artista en España.

As Exposicións Nacionais de Belas Artes celebráronse de 1856 a 1968, con periodicidade bianual, aínda que con algunhas interrupcións, en ocasións para apoiar orzamentariamente a grandes Exposicións Internacionais, como a Bienal de Venecia de 1928, a Internacional de Barcelona ou a Iberoamericana de Sevilla, ambas en 1929, ou como sucedeu durante a Guerra Civil, aínda que chegou a inaugurarse a de 1936 o 4 de xullo, poucos días antes do estalido da contenda. As sedes habituais das exposicións eran o Palacio de Velázquez e o de Cristal no Parque do Retiro de Madrid, estaban organizadas por seccións, en principio pintura, escultura, gravado, arquitectura e artes decorativas, e contaban cun xurado de admisión de obras e colocación. En 1926 este xurado estivo integrado polo pintor paisaxista Marcelino Santa María, como presidente, Rafael Marquina, como secretario, Ricardo de Orueta, Juan Moya e Idígoras, José Ramón Zaragoza, Eduardo Martínez Vázquez, Teodoro de Anasagasti, Luis Pérez Bueno e Mateo Silvela actuando de vogais. Artistas, arquitectos ou críticos de arte que eran académicos de Belas Artes.

As Exposicións Nacionais eran a maior mostra pública de arte española á que concorrían artistas en activo e un acontecemento sociocultural moi relevante, sobre todo no século XIX e as primeiras décadas do XX. Adoitaban inaugurarse na primavera, na segunda quincena do mes de maio. A de 1926 tivo lugar durante o período da Ditadura de Primo de Rivera pero mantivo os criterios establecidos practicamente desde o inicio destas mostras oficiais. En canto á categoría das medallas que se concedían, podían ser de primeira, segunda ou terceira clase e de honra. Aos autores das obras merecedoras de premio entregábaselles tamén un diploma asinado polo Ministro de Instrución Pública e Belas Artes e polo Director Xeneral de Belas Artes e ademais o Estado adquiría as obras premiadas nas Seccións de Pintura, Gravado e Escultura, segundo crédito consignado ao efecto en orzamento. Para a Sección de Escultura as cantidades distribuíanse do seguinte xeito: medalla de primeira 6.000 pesetas, de segunda 4.000 e de terceira 3.000. Na edición de 1926, na sección de escultura concedéronse dúas medallas de primeira clase, tres de segunda e catro de terceira. O outro artista que recibiu a mesma medalla que Asorey foi o escultor imaxineiro natural de Cuenca Luis Marco Pérez, pola súa obra El hombre de la Sierra (ou El hachero), unha peza que tamén pertence á colección do Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía e está cedida ao Concello de Leganés para a súa exhibición pública no Museo de Escultura ao aire libre deste municipio.

En canto ao Jurado que concedeu a Primeira medalla de Escultura a Asorey, estivo composto, como era o propio, por artistas escultores premiados en edicións anteriores: Juan Adsuara, José Bueno, José Capuz, José Clará, Juan Cristóbal, Jacinto Higueras, Aniceto Mariñas, José Monserrat, Vicente Navarro, Fructuoso Orduna, José Ortells, Luciano Oslé, Miguel Oslé, José Reynés, Miguel Ángel Trilles e Julio Vicent Mengual.

A de 1926 non era a primeira Exposición Nacional na que participaba Asorey. Á anterior, a de 1924, enviara O tesouro, unha peza executada tamén en madeira policromada que representa a unha rapaza galega que sostén en brazos un tenreiro. Unha figura cunha gran carga simbólica que incide en valores culturais esenciais de Galicia coa que gañou unha medalla de segunda clase. Á exposición de 1926 Asorey enviou dúas esculturas, Santa e San Francisco de Asís, dúas obras que, aínda que teñen moito en común, composición, proporcións, materiais e técnicas artísticas, conteñen mensaxes ben diferentes e, particularmente Santa, códigos difíciles de encaixar e asimilar entón oficialmente. De ahí que, como era de esperar, a acollida por parte do público, da crítica e do xurado fose ben diferente. A figura da Santa, unha muller espida alonxada dos ideais de beleza académicos, causou “estupor” na exposición e ocasionou un amplo debate polo seu “realismo excesivo”. Algunhas críticas da época foron implacables: “A impresión primeira é repelente” (Antonio Méndez Casal. Revista Blanco y Negro. 16/5/1926). Aínda anos máis tarde o mesmo Valle-Inclán cualificaríaa como “grotesca”. (Revista de Arte Galega. 1930). San Francisco, con todo, foi moi eloxiado e finalmente premiado.

Asorey representou o santo de Asís segundo a iconografía cristiá. Viste o hábito da Orde Franciscana, cun faldón que parece elaborado con retales e remendos de diversas teas de cores, polo orixinal tratamento de policromía e incisiones, e leva o cordón cos tres nós que simbolizan os votos de pobreza, castidade e obediencia que profesan os membros desta orde relixiosa. Está acompañado dun lobo, en relación ao amor do santo polos animais e en particular como referencia ao relato sobre o lobo terrible que atemorizaba aos habitantes da cidade italiana de Gubbio, ao que o santo habería amansado. Asorey preséntanos ao San Francisco “alter Christus”, co torso espido e que mostra os estigmas nas mans, o costado e os pés. Lembremos que foi o primeiro santo da historia en recibir as chagas de Cristo, un feito que segundo a Igrexa Católica tería lugar o 14 de setembro de 1224, dous anos antes da morte do santo.

O Museo Provincial de Lugo conserva dúas esculturas fundamentais de Francisco Asorey, Ofrenda a San Ramón, unha obra de 1923 que é propiedade da institución, e San Francisco, de 1926, que a día de hoxe é un depósito do Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía pero formou parte dun dos primeiros depósitos efectuados no Museo Provincial polo Museo Nacional de Arte Moderna, desaparecido en 1971, en concreto do correspondente á Orde ministerial do 7 de febreiro de 1933. Lembremos que o Museo Provincial foi creado pola Deputación de Lugo en 1932 e ocupou dependencias do Palacio Provincial ata o traslado en 1957 á súa actual localización, un edificio que contén precisamente varias dependencias, claustro (s.XV), refectorio e cociña (ambas do s.XVIII), que pertenceron ao convento franciscano fundado en Lugo no século XIII.

Estas dúas pezas de Asorey do museo lucense son emblemáticas e frecuente reclamo para visitantes. Ambas están realizadas coa técnica da talla en madeira policromada, demostran un profundo coñecemento do material e as súas posibilidades, entran en relación coa plástica da imaxinería relixiosa e evidencian o forte arraigamento do autor con Galicia, co tradicional e popular.

En 2026 cúmprese tamén o 800 aniversario da morte do santo de Asís. O seu “tránsito á vida eterna” ocorreu o 4 de outubro de 1226, cando tiña 44 anos. Para conmemorar este aniversario a Igrexa Católica celebra un Ano Xubilar Franciscano especial proclamado polo actual Papa, León XIV.

San Francisco de Asís pertencía a unha familia acomodada, o seu pai era comerciante, pero desposuíuse de todo o material para seguir unha vida de austeridade e pobreza dedicada plenamente a axudar aos máis desfavorecidos. No ano 1209 fundou a Orde Franciscana, que na actualidade inclúe varias ordes relixiosas mendicantes. A súa canonización tivo lugar en 1228 e é o patrón de Italia.

LY/Departamento BB.AA./MPL

Comparte nas túas redes