Luís Gómez Pacios

100 anos do seu nacemento

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

Cúmprense 100 anos do nacemento do lugués Luís Gómez Pacios, artista polifacético, prolífico e inquieto que compaxinou a súa actividade creativa co ensino artístico e co seu posto de traballo no Museo Provincial, institución na que desempeñou variadas tarefas desde mediados dos anos 50, logo de pasar pola imprenta da Deputación de Lugo.

Na obra de Pacios predomina a temática costumista, en particular a galega. Alternou a súa dedicación á figura, o retrato, a paisaxe, o bodegón. Experimentou con diversas técnicas e materiais, tanto é así que ao observar a súa traxectoria apréciase a pluralidade de estilos e recursos que abordou nos seus traballos.

Recibiu clases de debuxo de Rafael Estrada, que, lembremos, foi tamén profesor dalgúns outros pintores lucenses, entre eles Blas Lourés e López Guntín. Así mesmo, durante un tempo asiste a clases na Escola de Artes e Oficios da Coruña. Pero a súa progresión vai ser esencialmente autodidacta.
A súa obra pronto comeza a ser recoñecida. Recibe premios de debuxo e pintura convocados por Educación e Descanso en 1946 e organiza a súa primeira exposición en 1952, no Palacio Provincial.

Boa parte da aprendizaxe de Pacios deriva sobre todo da observación das obras do Museo Provincial e a copia de obras de artistas representados nesta institución, a partir das que estuda as técnicas pictóricas, a cor, a pincelada, a composición… Fai probas e experimenta cos procesos artísticos.

Á marxe das tarefas derivadas do seu traballo no museo e a súa intensa actividade artística, Pacios forma parte da historia do Museo Provincial e é lembrado polo forte compromiso coa institución que mantiuvo ata a súa morte.

OBRAS DE PACIOS NO MUSEO PROVINCIAL

A maioría das obras de Pacios forman parte das coleccións do museo desde os anos 60. Foron cedidas polo propio artista e por Antonio Fernández López, significado mecenas do museo, que adquiría as pezas ao autor para que permanecesen na institución.

Nos últimos anos trasladáronse ao museo varias obras de Pacios que permanecían noutras dependencias provinciais e ademais recibíronse en doazón dous cadros máis, de maneira que actualmente a colección Pacios intégrana 16 pezas, entre debuxos, gravados, pinturas e esculturas que configuran un conxunto variado, ecléctico, pero moi significativo do seu quefacer artístico. Pezas que son mostras de paisaxe, figura, retrato e bodegón.

Nas pinturas temos exemplos diversos. Nalgúns cadros a materia adquire as veces moito protagonismo, con empastes e texturas que son o resultado da mestura do óleo con cargas arenosas que confiren un aspecto granuloso á superficie do cadro, moi característico dunha ampla etapa da súa produción. Noutras ocasións aposta pola sinxeleza, é o caso do debuxo dunha paisaxe rural feito con acuarela. Para o debuxo opta polo uso da tinta. Nun deles, o titulado Nenos cantores, traballa coa técnica da aguada e no titulado Agardando a noite aproveita a textura do papel para darlle carácter ao deseño.

Unha das obras pictóricas de Pacios máis significativas da colección é a que leva por título O pintor e o seu mundo, un óleo de 1954 que representa a Blas Lourés, outro recoñecido pintor lucense con quen mantivo boa amizade. Ambos formaron parte do grupo artístico Os urogallos xunto a outros artistas como López Guntín, Antonio Estrada, Manuel Cancio, Tino Prados e Juan Puchades. O Museo Provincial lembrou a esta agrupación cunha exposición no ano 2008.

Na colección temos ademais dúas mostras de gravados, dúas xilografías, unha das técnicas de estampación que practicou en abundancia, e o conxunto complétase con dúas pezas escultóricas, unha talla en madeira que representa a figura dunha muller vella envolta nun mantón e unha cabeza modelada en barro e patinada para simular bronce, que é o retrato do doutor Manuel Pardo Baliña, un dos fundadores e membro da Xunta Rectora do Museo Provincial.

LYA (Departamento de Belas Artes do MPL)

PINTURAS, DEBUXOS E GRAVADOS

ESCULTURAS

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes