Manuel Colmeiro Guimaraes
25 anos da morte
Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
Colmeiro é un dos artistas que nos anos 30 do século XX inician o Movemento Renovador da arte galega. Xunto con Maside, Seoane, Arturo Souto, Laxeiro e Manuel Torres constitúen o grupo denominado Os Novos. Todos eles tentaron romper co Rexionalismo oficialista do momento para crear diferentes propostas artísticas partindo da tradición cultural galega artellándoa coa modernidade das vangardas europeas.
Manuel Colmeiro Guimaraes naceu en Silleda, Pontevedra, o 2 de agosto de 1901. Aos doce anos trasladouse a Arxentina, país onde os seus pais emigraran uns anos antes. Tras uns inicios autodidactas, comezou a súa formación artística como alumno libre na Academia de Belas Artes de Bos Aires. En 1926, regresa a Galicia e comeza a súa relacióncon Os Novos.
Entre 1928 e 1931 foi pensionado da Deputación de Pontevedra, feito que lle permitiu viaxar a Madrid e Barcelona, onde entrou en contacto coas vangardas a través doutros artistas e críticos de arte.
Colmeiro expuxo por primeira vez en 1928 na sala do Faro de Vigo e na Deputación de Pontevedra. Posteriormente participou noutras exposicións colectivas como a Rexional de Arte Galega de Bos Aires de 1929 e unha individual na sala Maragall de Barcelona, en 1931, á que seguiron outras celebradas en Galicia. Ademais, realizou colaboracións coa revista Resol. Non obstante, serán as exposicións de Lisboa e do Círculo de Belas Artes de Madrid as que darán o impulso definitivo á súa arte.
A pintura de Manuel Colmeiro compaxina as influencias internacionais co realismo primitivista de formas sintetizadas da tradición galega.
A obra destes anos caracterízase pola rudeza, hieratismo e monumentalidade das figuras influenciadas pola arte románica, a violencia cromática, a ausencia de claroscuro e a simplicidade do debuxo. A súa temática xira ao redor da Galicia rural: a súa xente e as paisaxes, caracterizadas pola luz cambiante, como o cadro exposto na sala 14 do Museo Provincial de Lugo, Vista de Lugo con Muralla.
A figura feminina, especialmente a muller rural, ocupa un lugar destacado na produción de Colmeiro, como transmisora da vida e prototipo de nai fecunda. Concibe as súas maternidades como esculturas rotundas, volumétricas e hieráticas, como a da colección do Museo de Lugo.
Tras estalar a Guerra Civil no ano 1936, Colmeiro, cuxa situación é comprometida debido á súa actividade republicana, exíliase en Bos Aires, onde a súa pintura seguiu evolucionando e ampliando a gama cromática, sempre con Galicia como eixo da súa produción. Ademais das paisaxes, bodegóns, figuras e alegorías, tamén fixo pequenas incursións na abstracción e obtivo grandes éxitos coa pintura mural.
Sumouse á chamada Escola Española de París durante a súa estancia nesa cidade, onde viviu dende o ano 1949 ata que volveu a Galicia corenta anos despois.
Na etapa de madurez mantén os seus principios figurativos e temas que acaban constituíndo auténticas series, como por exemplo a das Panadeiras. A súa obra gaña en matices cromáticos e lumínicos e reforza o compromiso social nelas.
Os temas elixidos polo artista sempre estiveron ligados a Galicia: as paisaxes da terra natal, os constantes e sobrios bodegóns, as feiras, romarías e os mitos e crenzas populares.
O 1 de outubro cúmprense vinte e cinco anos do falecemento de Colmeiro, e o Museo de Lugo súmase á efeméride mostrando os cinco lenzos que forman parte das súas coleccións, catro dos cales se poden ver na sala 14 da exposición estable.
OBRAS DE COLMEIRO NO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
Departamento de Belas Artes do MPL
MQF