Alberto Castro Couso
Centenario do nacemento.
Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
Castro Couso dedicou a súa longa vida á arte en múltiples facetas. Como pintor, debuxante, gravador, en particular nas técnicas da xilografía e o linóleo, ilustrador, profesor, conferenciante, ensaísta e crítico de arte, e mostrou as súas obras en numerosas exposicións e publicacións. Participou nas actividades culturais das institucións galegas da Arxentina e mantivo contacto coa intelectualidade galega emigrante. O seu traballo estivo sempre vinculado a Galicia e a súa cultura, en gran parte a través do Centro Lucense de Bos Aires.
En 1964 expuxo xunto a Laxeiro, Geno Díaz e Carlos Bóveda na Galería de Arte do Centro Lucense na mostra colectiva Catro Pintores de Estirpe Galega, coa que iniciou un longo período, ata finais de 1972, como responsable dese espazo expositivo que durante anos mantivo unha intensa actividade e foi un importante punto de encontro de artistas. Precisamente estaba á fronte da galería cando se organizou nela unha exposición de obras de artistas galego-arxentinos e levaron a cabo as xestións para o envío das mesmas ao Museo Provincial de Lugo. Expuxeron pinturas de Leonor Alvarellos, Óscar Mario Deza, José Manuel Moraña, María Laura San Martín o el propio Castro Couso, entre outros. Cadros que a día de hoxe forman parte das coleccións do museo lucense.
Tamén foi membro fundador do Grupo de Arte Libre Expresión, moi activo na década dos 60, do que formaron parte Enzo Benfatto, Cabelo, Deza, Juan Oliva, Orione, Padilla, Carlos Villanueva, Clementina Huss Dailoff…
A ilustración de libros, feita a miúdo con técnicas de gravado, foi un dos traballos recurrentes na traxectoria de Castro Couso. Ao longo de moitos anos levou a cabo proxectos co escritor, poeta e xornalista arxentino de orixe italiana Víctor Luis Molinari (1904-1980). Destacaremos as publicacións con poemas de Molinari e xilografías de Castro Couso Rosalía y su mundo poético, de 1968, editada polo Padroado da Cultura Galega de Montevideo, e as carpetas Homenaje a Castelao, publicada en 1973 en Bos Aires pola Imprenta Cabrera y Rey, e Homenaje a Rosalía, igualmente publicada en Bos Aires, neste caso en 1974 e por Edicións Nós, ambas en coidadas edicións de 200 exemplares numerados e asinados polos autores.
Para Molinare realizou tamén as cubertas de moitos outros libros, así como fixo para outros escritores e poetas, de maneira que os seus deseños están en publicacións de significados autores e editoriais. Sinalaremos o da cuberta do libro de Manuel María titulado Remol no que o escritor chairego recollía algúns poemas escritos de 1963 a 1968. A xilografía escollida neste caso pertence á serie que o artista denominou El extraño mundo e permítenos establecer relación coa súa pintura, en concreto cun dos cadros do pintor que se conservan no museo. Así podemos comprobar que presentan unha composición similar, caracterizada pola representación de formas tridimensionais, modulares, coas que interpreta figuras humanas ou mesmo de animais. Un recurso que desenvolveu en abundancia e que define gran parte da súa produción. E outra das colaboracións con Manuel María foi para o libro Versos pra un país de minifundios publicado en 1969 en Bos Aires por Edicións Nós, neste caso cunha proposta figurativa que parte de imaxes tradicionais galegas.
A revisión e comparanza dos diferentes traballos e técnicas empregadas por Castro Couso nos deixa ver de que maneira o artista mantivo variados rexistros que adaptou a cada unha das súas vertentes creativas.
No ámbito da ilustración debemos sinalar tamén a súa asidua colaboración na década dos 70 na revista Galicia editada polo Centro Galego de Bos Aires. Foi autor de moitas das portadas. Recordemos a do Nº 604 de 1975 dedicada a Castelao, cunha composición inspirada en Hamlet na que sintetiza as formas e mantén o gusto polas pezas modulares e irreais de El extraño mundo, e outras anteriores como a da matanza do porco de 1974, a do antroido ou a da vendimia, ambas de 1973, arraigadas na figuración representativa e a iconografía popular, aínda que emprega atractivos recursos e efectos coa cor.
O seu labor de debuxante tamén quedou recollido no libro Los Petrasiniestros, que contén 24 debuxos en branco e negro e leva un prólogo de Eduardo Blanco-Amor, rematado en Vigo e publicado pola editorial Tiempo Esotérico de Bos Aires en 1978. Nesta publicación recolle un conxunto de debuxos de seres irreais, mestura de formas humanas e de animais, sinistras, mitolóxicas, ás veces monstruosas, froito dunha desbordada fantasía. Os debuxos correspóndense á súa vez coa serie de pinturas que leva o mesmo título e na que traballou durante décadas. Composicións abigarradas de diversas figuras que encaixan unhas noutras. Rostros humanos caricaturizados e animais estraños que cobren todo o espazo pictórico. Que evocan formas pétreas do Románico e ao tempo enlazan coa denominada Estética granítica da primeira época de Laxeiro, e que aumentan a súa expresividade co intencionado uso da liña e da cor.
En 1974 Alberto Castro Couso trasládase coa súa familia a Galicia para asentarse en Vigo, cidade na que permaneceu ata o final da súa vida, hai poucos anos. Desde Vigo aínda mantivo colaboracións con Bos Aires no campo da ilustración. Non deixou de pintar e amosar as súas obras en salas de exposicións de cidades de Galicia e en 1977 fundou xunto á súa dona, a tamén pintora e filla de galegos Ana Martínez Pasarín, o taller de arte Abracadabra que acolleu durante décadas un amplo alumnado de diferentes idades e no que ademais demostrou o seu interese pola arte infantil e a importancia de transmitir a experiencia artística a nenos e nenas e potenciar a súa creatividade.
De Ana Martínez Pasarín o Museo Povincial tamén conserva obras, dous traballos sobre papel moi característicos das realizacións desta autora, un que é un debuxo a tinta e outro que combina técnicas de debuxo e de impresión.
Obras de Castro Couso no Museo Provincial
As catro obras de Castro Couso dos fondos do museo son creacións que se engloban baixo as características de El extraño mundo, a ampla e continuada serie que como xa sinalamos ocupou gran parte da súa produción. Confírmannolo as datas destes cadros que aparecen en cada caso xunto ás sinaturas. O artista ofrécenos a súa particular cosmovisión. Son tres pinturas e un debuxo que desenvolven composicións de figuras dispostas en espazos irreais ou ata irracionais ou oníricos. Que recrean un universo protagonizado pola representación de esceas compostas con formas tridimensionais curvas que evolucionan no espazo, que ás veces atravesan unhas a outras. Puramente abstractas ou que suxiren seres humanos ou animais. É fácil ver nun dos cadros, o pintado en 1967, a un touro e un toureiro no rodo. E noutro, no de maior tamaño, unha escea con paisaxe de fondo e cunha figura protagonista en torno á cal se reúnen outros seres que semellan ter movemento. Unha obra que conceptualmente está en relación coa pintura mural que tamén lle interesou.
En canto á técnica pictórica, sinalaremos a súa preferencia polo uso da témpera e a calidade mate que proporciona e respecto a cor indicar o que é ben obvio: en dúas das pinturas emprega unha cor saturada, ben con gradacións ou con tendencia ás tintas planas que nos poñen en relación co campo do deseño gráfico, mentres que na terceira matiza e gradúa para obter tons tenues que armonizan e cos que fai efectos de filtraxe da luz.
En canto ao debuxo a tinta, vemos con claridade que está en plena relación cunha das pinturas. Son dúas maneiras de abordar un mesmo motivo, práctica que foi moi habitual do artista.
As catro obras forman parte dos fondos en reserva do Museo Provincial.
L/Y
Departamento de Belas Artes
Enlaces de interese
Tamén che pode interesar
Acordanzas: 25 anos da morte de Manuel Colmeiro Guimaraes
Manuel Colmeiro Guimaraes 25 anos da morte Temática: Belas Artes