Xosé Vizoso
Día da Ilustración 2025

Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
A edición deste ano do Día de Ilustración dedícase a Xosé Vizoso, sendo a primeira homenaxe deste tipo que se fai a un artista vivo.
Xosé Vizoso é unha figura clave da ilustración en Galicia, cun estilo ligado á cultura, ás tradicións e ao mundo rural. É un artista multicisciplinar, versátil e polifacético que destaca tamén como debuxante, deseñador, ceramista, cartelista, muralista e caricaturista.
Xosé Vizoso nace en Mondoñedo, Lugo, no ano 1950 e comeza a debuxar desde moi neno. O escultor Juan Puchades Quilis foi o seu primeiro profesor no instituto San Rosendo de Mondoñedo; con el perfeccionou a técnica do debuxo e iniciouse na arte da escultura.
No ano 1968 asiste como alumno de formación a un curso impartido na fábrica do Castro de Samoedo, en Sada. Posteriormente, obtén unha praza de debuxante para a nova fábrica de Sargadelos, situada no municipio de Cervo, onde comeza a súa formación como deseñador industrial con quen sería o seu segundo mestre, Isaac Díaz Pardo e tamén con Luis Seoane.
Durante os case 45 anos que Vizoso traballa en Sargadelos, como mestre de decoración, ata que se xubila en 1988, realiza un gran número de deseños con Isaac Díaz Pardo. Con todo, aos poucos o artista vaise liberando e creando unha iconografía propia, con formas estilizadas arraigadas á cultura e ás tradicións galegas.
Cada un dos seus deseños de porcelana requirían do artista unha ardua tarefa que comezaba sempre coa realización de bosquexos e debuxos previos, para continuar coa confección de tallas en escaiola ou poliescuma. Vizoso tamén se encargaba do deseño de moldes, da policromía e mesmo das embalaxes.
As súas figuras de: cabalos, galos, pombas, peregrinos, Rosalía de Castro, o Quixote, o marqués de Sargadelos e as billas da cervexa Estrella Galicia, entre moitas outras, son imaxes identitarias da Galicia da segunda metade do século XX.
A facilidade de Vizoso para debuxar, sintetizar e describir formas a base de trazos rápidos convérteno nun dos grandes ilustradores da bibliografía moderna. Foi o responsable da ilustración dos libros, cubertas e carteis de Edicións Ou Castro e colaborou tamén con outras editoriais.
En 1988 marcha a Santiago de Compostela a traballar ao Instituto Galego de Información (IGI) con Isaac Díaz Díaz Pardo, onde entra en contacto con diferentes personaxes da diáspora galega.
Outra das facetas cultivadas por Xosé Vizoso é o cartelismo. Entre as súas obras máis destacadas están os carteis de festas como: As San Lucas de Mondoñedo, Santa Minia de Brión, a queimada popular de Cervo, a Coca de Redondela ou Entroido de Foz.
No ámbito teatral, ademais de colaborar na realización de medallas, premios, figuras, máscaras e vestimentas deseñou escenografías como por exemplo a dunha obra de Imre Madach no Teatro Nacional de Budapest.
Da súa faceta de muralista transcende a súa preocupación social nunha obra dedicada ás vítimas do franquismo, no alto de Furriolo, no concello da Bola. Outros murais do artista pódense ver en: Foz, Lugo; no servizo de cardioloxía do Hospital Universitario de Santiago de Compostela e o do instituto Ánxel Fole, de Lugo.
Xosé Vizoso é fillo predilecto de Mondoñedo e foi galardoado polo seu traballo e pola defensa da lingua galega co premio “Bos e Xenerosos” da fundación Eduardo Pondal, no ano 2013.
Desde o Museo Provincial de Lugo sumámonos a esta efeméride mostrando unha escultura titulada: San Froilán, na que o artista fai unha reinterpretación da iconografía clásica do patrón da cidade de Lugo, recoñecido pola mitra de bispo, o báculo e o lobo que camiña ao seu lado, realizada a base de ensamblar placas de ferro de diferentes formas coas que obtén unha representación esquematizada.
Esta obra foi premiada cun segundo premio, dotado coa cantidade de 50.000 pesetas e medalla de categoría de prata, no concurso da exposición de pintura e escultura lucense celebrada no paraninfo da Deputación de Lugo, en 1976, con motivo da celebración do Bimilenario da cidade, cuxo 50 aniversario se celebra tamén este ano. Posteriormente foi entregada ao Museo Provincial de Lugo, xunto coas outras obras premiadas, pasando a formar parte das súas coleccións.
Actualmente, a escultura pode ser visitada na exposición titulada: “Universo Vizoso”, comisariada por Aser Álvarez, desde o 29 de xaneiro ata o mes de abril na sala de exposicións do Palacio de San Marcos, sede da Deputación Provincial de Lugo.
Departamento de Belas Artes do MPL
MQF