Aldeáns:
Pasarela de traxes tradicionais

No marco do Día Internacional dos Museos 2025 (DIM 2025) e dentro da programación da Rede Museística Provincial de Lugo, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Área de Cultura, presenta un evento que é tanto unha celebración como unha reivindicación: “Aldeáns: Pasarela de traxes tradicionais”, unha homenaxe viva ó pobo galego e á súa memoria.
Inicialmente previsto para o 18 de maio, o desfile trasládase ao día 7 de xuño por mor do temporal. Terá lugar na Fortaleza de San Paio de Narla, e contará con dous pases, ás 18:00 e ás 19:00 horas. Cada pase ten un aforo limitado a 25 persoas, polo que é necesario anotarse previamente no correo: concertacionsrmp@gmail.com.
A proposta chega da man da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, que pon enriba da pasarela máis de 30 traxes tradicionais galegos, reproducidos con moito coidado a partir das obras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao —pinturas, gravados e debuxos que nos devolven a mirada dun tempo e dunha xente que aínda latexa.
Con motivo do Ano Castelao 2025, esta acción convida a mirar cara atrás para seguir tirando cara diante, recoñecendo o valor da cultura popular e da identidade colectiva fronte á uniformidade que todo o mestura.
Haberá servizo de autobús gratuito desde Lugo, con saída ás 17:00 h desde a Cruz Vermella (Avda. Madrid) e regreso ás 20:00 h.