Aniversario da colección de ourivería antiga Álvaro Gil Varela no Museo Provincial de Lugo
Temática: Arqueoloxía
Onde se desenvolve: Museo provincial de Lugo
Na sesión ordinaria da Xunta Reitora do Museo Provincial de Lugo con data de 10 de xuño de 1974, notifícase a recepción “dunha colección de pezas de ouro de época prehistórica” efectuada por Don Álvaro Gil Varela, “destacado lucense” e membro da citada Xunta, dando conta da satisfacción dos presentes polo feito e reiterando as grazas polo mesmo.
A súa entrega oficial celébrase o día 28 de febreiro de 1974, instalándose nunha sala destinada a tal efecto que correspondería á Sala 8 do MPL, Sala do Tesouro, actualmente Sala de Ourivería Antiga. Inicialmente amosábase cun sistema de exposición provisional, despois mellorado en protección e seguridade, segundo refire na mesma Acta, na súa calidade de Director do Museo e Secretario da Xunta, D. Manuel Vázquez Seijas. Gil Varela, como un dos grandes mecenas desta institución museística, tamén se fixera cargo, daquela, dos gastos das vitrinas para a exhibición pública desa gran colección de ourivería, que no 2015 sería declarada Ben de Interese Cultural.