Apoio á declaración da técnica do vidro soprado

como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO.

Onde se desenvolve: Museo Provincial de Lugo

Cando: Dende o 01/12/2023

Con esta pequena mostra queremos apoiar a declaración da técnica do vidro soprado como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola Unesco, motivada pola preocupación colectiva pola perda constante e progresiva de centros e artesáns do vidro debido a factores como: a mecanización, o elevado custo da enerxía e o longo proceso de aprendizaxe que exixe esta artesanía.

O vidro é un material fabricado polo home obtido tras a fusión de area con outros materiais. Presenta unha estrutura molecular amorfa e irregular. Pode ser de varios tipos, sendo o máis duro o que na súa composición contén chumbo, polo que tradicionalmente denominouse erroneamente: “cristal”.

Doutra banda, o cristal atópase na natureza en estado sólido e presenta unha estrutura molecular ordenada con patróns de repetición. Tanto o cristal de roca, cuarzo incoloro e transparente, como a obsidiana, de cor negra, foron utilizados en diversas épocas históricas para realizar pezas de gran valor artístico.

Os primeiros obxectos de vidro foron fabricados polo home cara a mediados do século I antes de Cristo en forma de pequenas pezas de adorno como: varas e contas de colar que imitaban as cores das pedras preciosas.

Na época romana a técnica do soprado, coa que se obtiñan pezas ocas ao soprar a través dunha cana a unha porción de vidro en estado case fundido, foi a máis utilizada para realizar diferentes tipos de recipientes. Tamén se empregou o soprado a molde para obter pezas ocas con relevos.

Ao longo da historia empregáronse técnicas moi diversas para a súa decoración: como o gravado, o esmaltado, dourado e o tallado.

En 2021, declarouse a técnica do vidro soprado en España como manifestación do Patrimonio Cultural Inmaterial por representar un conxunto de valores históricos, inmateriais, tecnolóxicos e artísticos. As dúas únicas fábricas que seguen pervivindo en España son: A fábrica de vidros de Gordiola, en Mallorca e a Real Fábrica de Cristales de la Granja, en Segovia, ambos os dous centros de referencia con máis de tres séculos de historia.

En 2022 celebrouse o Ano Internacional do Vidro, designado pola ONU, por ser un material sostible, reciclable, limpo, reutilizable e con usos en múltiples campos da vida.

Finalmente, o día 6 de decembro de 2023, a UNESCO otorgou o seu recoñecemento á técnica do vidro soprado como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

Galería

Tamén che pode interesar

Leopoldo Nóvoa, o silencio da pintura

O obxectivo é difundir o traballo de Leopoldo Nóvoa desde un relato no que mostrar as referencias da súa traxectoria como artista plástico.

Comparte nas túas redes