Aquivo Edelmiro Méndez. 1957-1964

Fotografías de Edelmiro Méndez da comarca da Pontenova.

Dende o 26/11/2026 ata o 10/01/2027

O Museo Provincial de Lugo acolle, do 26 de novembro ao 10 de xaneiro, unha exposición dedicada á obra fotográfica de Edelmiro Méndez. A mostra propón un percorrido polas imaxes que o autor realizou entre 1957 e 1964, un conxunto documental que constitúe un achegamento privilexiado á comarca da Pontenova e que, ao mesmo tempo, debuxa un retrato fiel e representativo da Galiza rural daquel período.

Máis alá da abundancia de retratos, o traballo de Méndez captura con gran riqueza as distintas facetas da vida cotiá da época, dende o esforzo do traballo labrego e os medios de desprazamento ata os momentos de lecer nos baños do río, as romarías, o baile e a música, sen esquecer as celebracións familiares e os rituais arredor da morte. Formalmente, moitos dos seus retratos seguen os códigos da fotografía popular definidos por Carlos Maside, caracterizados pola frontalidade, a simetría, o hieratismo e a mirada directa á cámara. Con todo, o fondo tamén descobre escenas moito máis distendidas, cheas de complicidade e alegría, que evidencian unha estreita proximidade coa veciñanza á que probablemente non foi allea a condición de gaiteiro do propio fotógrafo.

A dimensión desta obra resulta aínda máis salientable ao atender aos medios técnicos empregados. Edelmiro Méndez traballou cunha cámara tan sinxela como a Kodak Retina IA, desprovista de fotómetro e de telémetro, o que o obrigaba a calcular a exposición e a estimar a distancia de enfoque de xeito completamente intuitivo. Froito dese labor intenso consérvase un arquivo de máis de 7.000 negativos, un patrimonio visual inmenso que admite múltiples lecturas e percorridos.

Precisamente porque cada selección e ordenación constrúe un relato distinto —e pon sobre a mesa o papel da autoría na configuración do discurso—, esta exposición preséntase como unha das moitas lecturas posibles. O obxectivo da mostra no Museo Provincial de Lugo non é só dar a coñecer ao público unha parte deste valioso fondo, senón tamén convidar a reflexionar sobre o significado e as posibilidades do arquivo fotográfico.

Enlaces de interese

Comparte nas túas redes