“Átona”

unha exposición de Ruth Lodeiro

20 Aniversario da RMPL

Dende o 06/08/2026 ata o 06/09/2026

A Rede Museística Provincial de Lugo, no marco da programación do seu vixésimo aniversario baixo o lema «20 anos tecendo xuntas», presenta no Museo Provincial de Lugo a exposición «ÁTONA», da artista Ruth Lodeiro, comisariada por Sara Pérez Bello. O acto inaugural terá lugar o próximo xoves 6 de agosto ás 19:00 horas, e a mostra poderá visitarse do 6 de agosto ao 16 de setembro de 2026.

Na lingüística, o termo átono fai referencia á perda de forza; sen embargo, a ausencia de son e de impulso non implica en absoluto un baleiro, xa que o silencio ten corpo, peso e textura. A través desta proposta, Ruth Lodeiro integra a premisa de materializar o silencio mediante unha coreografía de pezas escultóricas que se encartan e despregan, ténsanse e desténsanse, quebrándose nun mutismo compartido que habita o espazo e onde a materia substitúe á voz coma se se tratase dun son petrificado.

O discurso silencioso da obra discorre entre a opacidade das teas, a transparencia do tul, o arame, a cerámica e a humilde precariedade do cartón fragmentado. Todos estes elementos operan como mordazas poéticas e suturas que cosen feridas ou atan discursos cotiáns. A través destas formas articulase unha tensión constante entre a casa icona, entendida como construción da identidade comunitaria, e a torre como constructo colectivo que colapsa. Ao xeito do mito de Babel, a exposición amosa como o silencio xorde do colapso da comunicación e da cacofonía contemporánea, onde a saturación do discurso e o exceso de palabras nos volven mudos, transformando o ruído enxordecedor nun silencio elocuente.

En sintonía coa traxectoria de creadoras contemporáneas como Louise Bourgeois, Pilar Albarracín, Franziska Greber ou Marina Abramović, a artista emprega a creación como unha ferramenta de resistencia, catarse e denuncia social para transformar o ámbito privado dunha declaración política e estética universal, nunha iniciativa organizada por Cultura da Deputación de Lugo.

Comparte nas túas redes