CoidArte
, museos para autocoidarse.
Temática: Museoloxía social
Público: Infantil e familias | Maiores | Mocidade
Esta proposta forma parte de: CoidArte
Onde se desenvolve: Museo provincial de Lugo | Museo provincial do Mar | Museo-Fortaleza San Paio de Narla | Pazo de Tor
Cando: Dende o 27/11/2023
A Rede Museística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa o programa CoidArte. Trátase dunha iniciativa de Museoloxía Social con actividades que van dende exposicións, webseries ou obradoiros que percorrerán os catro centros. A deputada de Cultura, Iria Castro, e a xerente da Rede, Encarna Lago, presentaron este programa.
Vivimos nun mundo que camiña moi rápido e que nos fai estar sempre ocupadas e aceleradas, baixar a velocidade non é doado, pero na présa e no estrés non existe saúde nin calidade de vida. Frear, e dedicarse tempo e espazo de calidade a unha mesma é impresdindible.
A través da programación “COIDARTE, museos para autocoidarse” formada por un amplo abano de actividades, xeramos tempo e espazos nos museos para o autocoidado físico, emocional, social e cognitivo da comunidade.
O Museo de Lugo acollerá un curso de Ioga e arte, que xa comeza esta semana, os martes e xoves de 11 a 12:30 e os venres dende as 18:30 ás 20 horas, para o que non é necesario inscrición previa. Ademais, presentarase a accesibilidade da Sala Castelao deste centro, que acollerá un obradoiro de
Cogami Monterroso e a presentación do material de apoio á inclusión o martes 19 de decembro.
O 18 de decembro, coincidindo co Día do Migrante, realizarase unha presentación da web serie “Ronsel de futuro. Historias Soterradas”, ás 19 horas no Museo e, ás 20 horas será no Vello Cárcere. Tamén nesta xornada se presentará, na Sala Multiusos do Museo de Lugo “Mulleres nas aldeas. Culturas en Diálogo”, que busca centrar a atención nas mulleres inmigrantes que traballan no rural coidando.
Dende o 19 de decembro ata o 1 de marzo, o fotógrafo Adra Pallón exporá “Intrahistorias: Luz entre as cinzas” nos 4 museos da Rede. As imaxes, realizadas nos últimos 5 anos, reflicten o día a día dos lucenses en distintas realidades. O Museo de Lugo contará cunha colección de fotografías dos incendios da provincia; no Pazo de Tor estarán imaxes de feirantes; en San Paio de Narla o protagonismo estará no rural e no Museo do Mar a Loita de Alcoa centrará a exposición.
A programación péchase con obradoiros nos catro museos da Rede Museística centrado nun público
infantil ou familiar:
– Somos Capaces, somos diversxs: 2 de decembro no Museo do Mar (Cervo)
– Camiños de Volta Museo Provincial do Mar: 6 de decembro no Museo do Mar (Cervo)
– Un Nadal para xogar: 22 de decembro na Fortaleza Dan Paio de Narla (Friol)
– Obradoiro de Nadal ARTE-sa: 27 de decembro no Museo do Mar (Cervo)
– A luminaria no Pazo de Tor: 27 de decembro no Pazo de Tor (Monforte)