Día da Ilustración no MPL: Siro López

30 de xaneiro de 2026

Desde 2014, cada 30 de xaneiro, coincidindo coa data do nacemento de Castelao, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia celebra o Día da Ilustración.

A efeméride lembra e reivindica o traballo dos profesionais da ilustración e incide na súa importancia na industria cultural. Cada ano rende homenaxe a un ilustrador ou ilustradora galega. A de 2026 vai dedicada a Siro López Lorenzo (Ferrol 1943), coñecido como Siro, autor prolífico, posuidor desde neno dun talento extraordinario para o debuxo, en particular para captar os trazos esenciais dos rasgos de cada persoa, e en cuxa obra o humor é unha constante.

Siro é recoñecido principalmente pola súa relevancia como humorista gráfico e caricaturista político, con traballos en publicaciones como a revista Chan, Ferrol Diario, El Ideal Gallego, La Región ou La Voz de Galicia, xornal no que mantivo unha relevante colaboración entre 1985 e 2006, que o avalan como “cronista visual da Galicia contemporánea durante décadas”. Pero a súa ampla e polifacética traxectoria abarca non soamente o ámbito do debuxo, senón tamén da pintura, o deseño, o xornalismo, a creación literaria e mesmo a crítica de arte. Moi significada é a súa achega como guionista, realizador e presentador de programas radiofónicos, cun amplo percorrido a partir de 1970. Lembremos o programa cultural O espello, na cadea COPE en Ferrol, O humor en Galicia, para Radio Nacional de España na Coruña, o curso radiofónico Galego coloquial para Antena 3 Galicia, en colaboración co Instituto da Lingua Galega, e varios programas culturais e humorísticos en Radio Voz Galicia, entre os que destaca o espazo humorístico Corre Carmela que chove. Siro tamén e o autor do curso de galego ¿Imos aló?, emitido na TVG entre 1989 e 1990.

A finais do ano 2017 os museos da Rede Museística Provincial acolleron a mostra SIRO. Restrospectiva, 1970–2017 e no mes de marzo do ano seguinte o propio artista entregou en doazón á Deputación de Lugo, para formar parte dos fondos dos museos da Rede, os retratos de tres significados lucenses, o escultor Paco Pestana (A Frairía, Castroverde, Lugo 1949-Lugo 2021), Celestino Fernández de la Vega (Friol, Lugo 1914-Lugo 1986), escritor, filósofo e ensaísta autor da obra O segredo do humor, un profundo estudo sobre o humor, e Ramón Piñeiro (Armea, Láncara, Lugo 1915-Santiago de Compostela, A Coruña 1990), intelectual e político referente do galeguismo. As tres obras están realizadas coa técnica da témpera sobre papel. Un destes retratos, o de Paco Pestana, consérvase no Museo Provincial.

LYA/Departamento de Belas Artes do MPL

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes