Día de Galicia no Museo Provincial de Lugo

Cada 25 de xullo os galegos e as galegas celebramos o Día Nacional de Galicia ou Día da Patria Galega. Desde o Museo Provincial de Lugo, como institución que conserva a historia e o patrimonio lucense e galego, festexamos esta efeméride compartindo algunhas das pezas representativas da cultura galega que forman parte das nosas coleccións.
Un dos espazos máis senlleiros do MPL é a cociña, dependencia do s. XVIII que pertenceu ao antigo convento de San Francisco de Lugo, que se atopa musealizada con elementos característicos da cociña tradicional galega. Na zona da lareira poden verse diversos utensilios para cociñar como potes ou unha filloeira, así como pezas de mobiliario entre as que destacan un escano, banco con táboa móbil empregada como mesa, e unha capoeira, asento que presenta unha gaiola na parte inferior na que se gardaban os polos para cebar. Colgados na parede atópanse a espeteira, da que penduran escumadeiras, cazos e tixolas de ferro; o cunqueiro e distintas repisas que acollen pezas de cerámica popular como cuncas, xerras, etc., realizadas por oleiros da Terra Chá (Silvarrei, Tirimol, Bonxe), Gundivós (Sober), Samos e Niñodaguia (vid. https://comunidadermpl.gal/wp-content/uploads/2024/06/Texto-Cocina-GAL.pdf).

Ademais de olería tradicional galega, o MPL conta tamén cunha sala monográfica dedicada á louza da Real Fábrica de Sargadelos, primeira factoría de louza moderna de España, fundada por Antonio Raimundo Ibáñez en Sargadelos, Cervo, en 1806. Na sala 19 do museo móstranse pezas pertencentes ás 4 etapas de produción polas que pasou a fábrica ata o seu peche, en 1875 (vid. https://comunidadermpl.gal/a-louza-da-real-fabrica-de-sargadelos/).

Outra das coleccións que destacan no MPL é a de ourivería popular, que se amosa na sala 11. Trátase dun conxunto de xoias composto por catorce sapos, sete pares de pendentes, tres broches e unha pulseira. Este tipo de pezas, que ornamentaban e completaban o traxe tradicional galego, tamén se atopan representadas na plástica pictórica e escultórica, como sucede no cadro Muller galega de Xesús Rodríguez Corredoyra, no que os tons dourados do sapo contrastan coa cor negra da indumentaria da figura retratada, ou na Ofrenda a San Ramón de Francisco Asorey, na que o escultor reproduciu en latón os pendentes e colgante da xoiería tradicional.

Os arquetipos femininos e masculinos galegos, ataviados con vestimenta tradicional de gala ou de faena, son tamén frecuentes nos fondos do MPL. Cabe destacar, por exemplo, o Pastor galego con coroza pintado por Dionisio Fierros ou os personaxes que protagonizan os debuxos de Castelao expostos na sala 25, como o Home con capa de palla, os campesiños de Manter un animal para comelo, o Leñador ou a Nena.

Por último, cómpre destacar as representacións que os artistas galegos fixeron de Galicia, reflectindo a súa esencia e idiosincrasia por medio de trazos e formas. É o caso de senllas obras de Imeldo Corral e Eduardo Rodríguez Osorio que levan por título Galicia, nas que se mostra dous xeitos distintos de plasmar un mesmo concepto. Así, mentres que o primeiro representou a nosa terra pintando unha paisaxe rural, con montañas de fondo e unha casa de cheminea fumeante en primeiro plano, o segundo fíxoo por medio dunha escultura de granito na que unha figura feminina abraza e da acubillo a outras tres de menor tamaño, que se atopan desempeñando diferentes tarefas. Con estas dúas obras, que se poden visitar na sala 12 do Museo Provincial de Lugo, desexámosvos un feliz Día de Galicia.

Dirección e Negociado de Coleccións do Museo Provincial de Lugo
VGS


