Día do Patrimonio Mundial Africano no MPL

Co fin de difundir e preservar o patrimonio cultural e natural do continente africano, promovendo a cooperación para a súa salvagarda, a UNESCO proclamou o 5 de abril como Día do Patrimonio Mundial Africano (38ª sesión da Conferencia Xeral da UNESCO, novembro de 2015. Vid. https://www.unesco.org/es/days/african-world-heritage).

Desde o Museo Provincial de Lugo unímonos á comunidade internacional na celebración desta efeméride e aproveitamos para dar a coñecer a nosa colección de arte africana, doada por Xoán Anllo no ano 2015.

O concepto de “arte africana” integra, actualmente, o conxunto de manifestacións artísticas producidas dende a antigüidade polas diferentes culturas dese continente, pero non se debe obviar que dita denominación foi outorgada pola sociedade occidental a principios do século XX, cando estes obxectos suscitaron un crecente interese polo seu valor estético e artístico. En realidade, estas pezas foron creadas con fins prácticos, relixiosos ou políticos, e son obxectos funcionais realizados por artesáns e non por artistas, con relación coa sociedade á que pertencen.

A colección de arte africana do MPL está integrada por un total de 195 pezas, das que 102 permanecen expostas ao público dende o ano 2017 na sala 29, dedicada exclusivamente ao patrimonio dese vasto continente. Componse dunha variedade de tipoloxías na que figuran 78 esculturas, 49 máscaras, 18 pezas de mobiliario, 11 pezas de ourivería, 7 repousacalugas, 7 peites, 6 cimeiras, 6 poleas de fiar, 5 tecidos, 5 espantamoscas e 3 tirafondas, procedentes de diferentes grupos étnicos, como se evidencia na diversidade de peculiaridades propias de cada etnia que presentan.

Grazas a esta doazón, que foi acompañada de documentación e bibliografía sobre a arte africana, Xoán Anllo puxo os medios para contribuír á protección e pervivencia do patrimonio cultural africano para futuras xeracións a través deste museo.

TIPOLOXÍAS DAS PEZAS DA COLECCIÓN DE ARTE AFRICANA DO MPL:

Máscaras: O seu uso ten lugar fundamentalmente nos ritos de fertilidade, de iniciación á vida adulta e nos funerais.

Escultura: As figuras son obxectos funcionais que actúan como mediadoras entre o home e a divindade, para influír nesta e que sexa a súa benfeitora. Tamén son un distintivo da posición social que se ocupa dentro do grupo.

Mobiliario: Este apartado está integrado fundamentalmente por portas, xanelas e pechaduras de celeiro procedentes de Mali, paneis de portas de santuario de Nixeria e mesas de Etiopía.

Regalías: Denomínanse así os obsequios ofrecidos entre os xefes de grupos tribais ou altos mandatarios. A este grupo de símbolos de poder e mostra de status pertencen os espantamoscas, os bastóns de mando, os repousacalugas ou os peites.

Os peites de madeira decorados son agasallos para as mulleres acabadas de casar. A súa decoración, con frecuencia, leva algún símbolo dun desexo para a vida.

Ourivería: Esta parte da colección está integrada por unha parella de pulseiras de nortello, de uso exclusivo para a aristocracia, os reis e a poderosa sociedade secreta Obgoni e empregadas na condución dos defuntos nos enterros; catro chaves de veo da cultura Tuareg, nas que se simboliza o sol, a semente do millo e a terra; e unha parella de colares, un dos cales procede de Nixeria, da cultura Nupe, e está formado por 32 doas que foron empregadas como moeda.

PSS/ Departamento de Etnografía e Artes Decorativas do MPL

Comparte nas túas redes