Día Internacional das Mulleres Rurais 2025

15 de outubro

“O noso medio rural precisa outras mans que escriban,

mans que non pretendan rescatalo nin situalo,

senón que saiban da soidade e da sombra,

da luz e do que non se nomea.

Unha narrativa que descanse nas pegadas

de todas aquelas que romperon as alpargatas traballando en silencio,

e que seguen esperando que alguén as nomee para existir.”

— María Sánchez, Tierra de mujeres (2019, p. 42)

Compromiso coa igualdade, coas historias soterredas e coas mulleres do rural da RMPL

O Día Internacional das Mulleres Rurais non é, para nós, unha data simbólica, senón unha oportunidade para poñer en valor un compromiso real, prolongado e visible da Área de Cultura da Deputación de Lugo e da Rede Museística Provincial coas mulleres do noso territorio.

Ese compromiso tradúcese en Proxectos de continuidade da RMPL que espallan cultura, memoria e igualdade por toda a provincia. Proba diso son as exposicións itinerantes activas vencelladas a mulleres rurais nestes días en Santalla (Vilalba), en San Román (Cervantes) ou en Grandas de Salime, así como os proxectos en marcha que axiña serán visibilizados:

  • 1. FACEDORAS DE LUGOCo artista Mar Caldas, este proxecto percorre a provincia retratando o traballo, a creatividade e a forza das mulleres rurais, nun proceso que culminará cunha exposición en marzo de 2026. Este proxecto fotográfico forma parte dunha serie de obras que a artista vén desenvolvendo desde 2014 sobre o traballo feminino, e que recentemente formou parte da exposición individual celebrada no CGAC, baixo o título Mar Caldas. Mulleres, Traballo e Memoria, na que non figurou Lugo.Trátase dunha liña de investigación e creación artística na que se visibiliza a inxente contribución das mulleres ás comunidades das que forman parte, unha achega esencial que continúa a ser infravalorada e escasamente recoñecida socialmente.

    Os traballos das mulleres, como sabemos, sosteñen a economía familiar e colectiva, desde aqueles remunerados ata os que permanecen invisibles por carecer de compensación económica, malia seren imprescindibles para o funcionamento dos ecosistemas sociais e económicos. Son precisamente estes últimos —os realizados no ámbito doméstico, agrario ou dos coidados— os que implican esgotadoras dobres e triplas xornadas sen recoñecemento laboral.

    Dentro desta liña, Facedoras de Lugo dará continuidade aos proxectos previos Facedoras de Bueu (2017-2018) e Facedoras do Baixo Miño (2018-2020), na provincia de Pontevedra. Mentres que o primeiro se centraba nos traballos vinculados ao mar e o segundo nos conectados á terra, Facedoras de Lugo explorará as comunidades rurais da provincia, poñendo o foco nos traballos relacionados co gando, un aspecto novidoso respecto ás series anteriores. A artista afondará tamén nos traballos agrícolas e mariñeiros, así como nos labores de coidado realizados por mulleres migrantes, construíndo unha narrativa visual e poética sobre o esforzo, a identidade e o territorio.

    Metodoloxía de traballo A metodoloxía é coherente coa empregada nas series anteriores:

    • Recollida de información sobre os traballos desenvolvidos en diferentes puntos da provincia.
    • Establecemento de contactos coas mulleres traballadoras.
    • Desenvolvemento dun traballo de campo con entrevistas e visitas para coñecer espazos, ferramentas e contextos laborais.
    • Localización de exteriores axeitados para realizar as fotografías, procurando o vínculo visual entre traballo e territorio.
    • Elaboración de bosquexos e referencias artísticas que fuxan do naturalismo, buscando unha composición de carácter teatral e pictórico.
    • Selección de día e hora axeitados para a iluminación natural e condicións atmosféricas de cada toma.
    • Edición final das imaxes cun coidado proceso técnico e estético que reforza o discurso artístico da serie.

    O proxecto está en fase de desenvolvemento e culminará cunha exposición no ano 2026, que mostrará a riqueza e diversidade das mulleres do rural lucense como auténticas facedoras de vida.

  • 2. AS QUE CONTANPresentado por Carmen Porteiro, autora do proxecto Mulleres das/nas aldeas, este novo proxecto educativo reivindica as conexións entre as mulleres, a terra e os saberes transmitidos de xeración en xeración, facendo do coidado e da palabra unha forma de resistencia cultural. O proxecto desenvólvese dentro da investigación educativa Tecendo Redes, na que a Rede Museística traballa co alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, co alumnado do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes e co alumnado da Escola Oficial de Idiomas.A exposición terá lugar o día 7 de novembro no Museo Provincial de Lugo.
  • XORNADA “MOCIDADE DAS/NAS ALDEAS”Xornada de pensamento comunitario poñendo o foco na mocidade o día 25 de outubro no Museo Pazo de Tor.

Estes proxectos, xunto co programa SoTERRAdas e coas accións educativas e comunitarias que desenvolvemos ao longo do ano nos catro museos da RMPL, son mostra da vontade de construír un modelo cultural inclusivo, descentralizado e comprometido coa xustiza social. Unha cultura que pon nome, rostro e voz ás mulleres que tecen a vida no rural galego, visibilizando que son un importante PIAR.

PROGRAMA

  • Saúdo de Iria Castro, deputada delegada da Área de Cultura da Deputación, acompañada de Encarna Lago, xerente da RMPL.
  • 18:00 h – Presentación do catálogo de Ana Gil Presentación do catálogo da artista Ana Gil, cuxa obra A porta fechada pasa a formar parte das coleccións da Rede Museística Provincial a través da Área de Cultura da Deputación de Lugo.
  • 18:00 h – Presentación das obras adquiridas para o proxecto museolóxico SoTERRAdas Presentación pública das pezas e a actualización do proxecto museolóxico SoTERRAdas. Vidas e historias na busca da xustiza social, que integra investigación, arte e memoria social, e que incorpora dúas novas pezas de mulleres artistas recentemente adquiridas pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, a través da Rede Museística Provincial:
    • Ana Gil, A porta fechada, obra que dialoga co silencio, a intimidade e as historias invisibilizadas das mulleres.
    • Ana Arregui, Piares, peza que simboliza a forza, o territorio e a resistencia feminina.

    Ambas forman parte do programa Recoñecer, Representar e Redistribuír, coordinado por Encarna Lago, xerente da Rede Museística.

  • 18:00 h – Entrega de pezas de co-creación Acto de recoñecemento ás mulleres protagonistas do proxecto Recolectoras. Memoria Eterna, que gardan e transmiten a memoria do territorio, coa entrega das pezas e agasallos elaborados no marco do proxecto.
  • 18:30 h – Concerto de Francisco Castro Peche da xornada coa actuación musical de Francisco Castro, nun recital dedicado a todas, á natureza e á emoción compartida.
  • Peche: Entrega de láminas de Acuña e Maruja Mallo para os asistentes aos actos no Museo Fortaleza de San Paio de Narla.

“As mulleres rurais manteñen viva a terra, a memoria e o futuro. Sen mulleres non hai mundo rural, e sen mundo rural, non hai futuro.”

#DíaDasMulleresRurais #SoTERRAdas #FacedorasDeLugo #AsQueContan #Recolectoras #MemoriaEterna #XustizaSocial #RedeMuseística #DeputacióndeLugo #MulleresQueFan #ArteEGaliciaMemoria

Contexto e Compromiso global

O 15 de outubro celébrase en todo o mundo o Día Internacional das Mulleres Rurais, recoñecendo o papel esencial que as mulleres do medio rural desempeñan no presente e no futuro das nosas sociedades. Mulleres que, con esforzo, dedicación e compromiso, sosteñen a vida nas aldeas, a economía local e o desenvolvemento sostible dos territorios.

Este ano 2025 adquire un significado especial: cúmprense 30 anos da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing (1995), o acordo internacional máis ambicioso para acadar a igualdade real de oportunidades entre mulleres e homes. Foi precisamente naquela conferencia onde se fixo visible a situación das mulleres rurais do mundo, e desde entón, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 15 de outubro como o Día Internacional das Mulleres Rurais (Resolución 62/136 do ano 2007).

Neste mesmo marco internacional, as Nacións Unidas declararon o ano 2026 como o Ano Internacional da Muller Agricultora, un recoñecemento global que busca dar visibilidade ao traballo e ás contribucións de millóns de mulleres que, no silencio do cotián, cultivan a terra, coidan da contorna e alimentan as comunidades.

Lugo e o reto da igualdade no rural

En Lugo, onde o rural é unha parte esencial da identidade e do tecido social, os desafíos son tamén urxentes. O envellecemento da poboación, a marcha da mocidade e a falta de servizos e oportunidades ameazan o relevo xeracional e a sostibilidade do territorio. Cando unha muller se ve obrigada a marchar, non só se perde unha habitante, senón tamén talento, arraigo, economía e futuro.

As mulleres do rural galego fan fronte á precariedade laboral, á escaseza de servizos básicos e á falta de recoñecemento social e cultural. O seu traballo, visible e invisible, é imprescindible para que o territorio siga vivo: no agro, no mar, nos coidados, na transmisión da lingua e da cultura, e na sostibilidade da vida comunitaria.

Neste contexto, o 15 de outubro é tamén unha data para reafirmar o compromiso da Área de Cultura da Deputación de Lugo e da Rede Museística Provincial coas mulleres do noso territorio. A través de proxectos culturais, educativos e artísticos de longa duración, visibilízanse e recoñécense as mulleres rurais galegas como axentes de cambio, de memoria e de futuro. O noso traballo busca contribuír á igualdade real de oportunidades no rural galego, promovendo unha cultura de coidado e de participación que faga visible o que durante séculos estivo silenciado.

Retos e principios que promovemos para un rural con igualdade

  • Vivir no rural non pode supoñer renunciar a servizos básicos.
  • A loita contra a despoboación debe entenderse como un desafío colectivo, con rostro de muller.
  • Garantir vivenda digna e conectividade real, para que quen queira quedar ou regresar poida facelo con dereitos e oportunidades.
  • Potenciar o emprego e o emprendemento das mulleres mozas. A igualdade require acceso á formación, ao crédito e ao acompañamento profesional.
  • Impulsar o relevo xeracional e o recoñecemento das mulleres no sector agrario e pesqueiro. Cómpre garantirlles os mesmos dereitos, visibilidade e axudas que aos homes.
  • Romper o teito de cristal nas estruturas de decisión. As mulleres deben ter presenza nos espazos de poder, nas cooperativas, nas organizacións profesionais e nos órganos de gobernanza da cultura e do territorio.
  • Facer efectiva a conciliación e a corresponsabilidade nos coidados para que as mulleres poidan crear, traballar, participar e vivir con liberdade.
  • Combater a soidade non desexada, especialmente entre as mulleres maiores. Crear redes de apoio e espazos comunitarios é tamén unha forma de xustiza social.
  • Visibilizar e romper o silencio sobre a violencia machista no rural. A violencia de xénero non entende de tamaño de poboación, pero si de desigualdades: canto máis pequeno é o municipio, máis difícil é denunciar e acceder a recursos.

Lugo, un rural coas MULLERES COMO PIARES DE VIDA

O 15 de outubro de 2025, Lugo súmase á voz global que recoñece ás mulleres rurais como semente de futuro, memoria e sostibilidade. Desde a Área de Cultura da Deputación e a Vicepresidencia, xunto coa Rede Museística Provincial, reafírmase a vontade de seguir traballando cada día para que o dereito á igualdade, á cultura e á participación sexa unha realidade efectiva en todo o territorio.

Porque sen mulleres que o sosteñan como piares, non hai mundo rural, e sen mundo rural, non hai futuro.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes