Día Internacional do Xoieiro e do Reloxeiro no Museo Provincial de Lugo

Cada 3 de novembro celébrase o Día Internacional do Xoieiro e do Reloxeiro, coincidindo co aniversario do nacemento do célebre ourive italiano Benvenutto Cellini.
Este ano, a dita efeméride coincide no Museo Provincial de Lugo coa exposición “O legado do tempo. Colección de reloxos de José Antonio Puentes Romay”, que pode visitarse na sala de exposicións temporais ata o vindeiro día 15 de novembro. A mostra amosa un conxunto de reloxos de diferentes tipoloxías e cronoloxías, que permiten apreciar a evolución da reloxería e a importancia do traballo dos reloxeiros no deseño, realización, reparación e comercialización de pezas de alta precisión mecánica e valor estético.
É o caso deste reloxo de parede tipo ollo de boi, fabricado pola casa alemá Lenzkircher Uhrenfabrik A.G. (Lenzkirch, Selva Negra, Alemaña), fundada por Eduard Hauser en 1851. Esta famosa empresa foi a pioneira absoluta en transformar a produción artesanal da Selva Negra nunha industria de excelente precisión mecanizada, facéndose acredora de varias medallas en exposicións internacionais.
A diferencia doutros fabricantes alemáns que competían en prezo reducindo o grosor das pezas, Lenzkirch mantivo sempre un estándar innegociable de latón pesado, piñóns pulidos a espello e acabados que rivalizaban directamente coa cotizada reloxería suíza y francesa. Superar o millón de unidades mantendo o nivel de acabados artesanais de platina grosa foi o seu maior orgullo publicitario a principios do século XX.

Neste caso, estamos ante un reloxo con caixa de madeira ebonizada octogonal, coa tapa circular e perfís moldurados. No centro da tapa insírese un aro de latón que enmarca o cristal da esfera, realizada en cartón satinado impreso e colocada sobre un disco de latón. Presenta unha numeración arábiga grande e de trazos moi marcados, caracterizada por un deseño caligráfico con terminacións ornamentais nos números. A súa tipografía reflicte de forma inconfundible o período Jugendstil (Art Nouveau alemán), onde se abandonou a numeración romana clásica por trazos orgánicos e estilizados.
A minutaría disponse no anelo perimetral da esfera, que enmarca todo o conxunto numérico. Ostenta marcas discretas para os minutos, máis grosas para os cuartos e o resto das horas con marcas triangulares. As agullas presentan deseño recortado e ornamentado na súa sección central. Conta con dúas bocachaves ou buracos simétricos destinados á corda da maquinaria, situados de forma equilibrada a ambos lados do eixe central das agullas.
A súa maquinaria é de tipo “París” de platina cadrada con pranchas de bronce ou latón de aspecto moi robusto. Conta cun mecanismo alimentado para 15 días de marcha continua, ofrecendo unha autonomía de rendemento moi superior ao estándar semanal habitual.
Na platina posterior presenta as siglas AGU, que a empresa fabicante adoitaba empregar como parte da súa marca (“Aktiengesellschaft für Uhrenfabrikation Lenzkirch”) na segunda metade do século XIX e primeiros anos do século XX, así como a inscrición: “1 Million / 455074”. Segundo as táboas cronolóxicas oficiais de seriais de Lenzkirch, o número 1.455.074 sitúa a fabricación exacta desta maquinaria no ano 1903.

PSS/Departamento de Etnografía e AADD do MPL


