Día Mundial da Auga
O MPL súmase á celebración do Día Mundial da Auga a través das súas coleccións.
A Asamblea Xeral de Nacións Unidas declarou, en 1992, o 22 de marzo como Día Mundial da Auga. Desde entón, cun lema distinto cada ano, a celebración desta efeméride ten como obxectivo concienciar sobre a importancia de coidar os recursos hídricos do noso planeta, fundamentais para a supervivencia de todos os seres vivos. Baixo a consigna “Auga para a paz”, este 2024 a ONU convídanos á cooperación conxunta en materia de auga, co fin de evitar que a súa escaseza, reparto desigual ou contaminación poida ser causa de conflitos entre comunidades e países.
(vid. https://www.un.org/es/observances/water-day)
Desde o Museo Provincial de Lugo queremos sumarnos á posta en valor deste prezado recurso a través da súa representación nas obras da nosa colección estable.
Destaca especialmente a súa presenza no xénero da paisaxe, onde conta incluso cun tipo de representación específica, as mariñas, obras nas que o mar é o motivo principal da composición. Son varias as pezas desta temática expostas nas seccións de arte galega do Museo Provincial de Lugo, como “Costa guardesa” ou “Camposancos. Pena Chamada A Torre” (Antonio Fernández Gómez), que destacan por mostrar a forza da auga a través das ondas que rompen contra as rochas do litoral. Esta axitación contrasta coa calma que adoitan transmitir as paisaxes con río, temática pictórica tamén moi recorrente e que podemos ver en senllas obras tituladas “Remanso” (Francisco Lloréns e Juan Luís López García respectivamente), nas que o protagonismo recae nas augas tranquilas, case quedas, dos mansíos dos ríos.
Galicia é terra de auga, chea de fontes, mananciais e termas e cruzada por ríos, regatos e fervenzas. O seu perfil xeográfico debúxano as rías, o mar e o océano, e as súas paisaxes beben directamente dun clima de abundantes choivas. A auga é, pois, parte intrínseca da idiosincrasia e identidade galegas e, como tal, foi plasmada nas nosas artes plásticas de múltiples formas.
Mais a auga non só é un elemento accesorio da paisaxe, senón que desempeña un relevante papel na conformación da mesma. Atopamos exemplos na augaforte “Os Castelos” (Julio Prieto Nespereira), que representa as características rochas da praia de Covas (Viveiro), esculpidas durante séculos polo bater das ondas, ou en “Ría de Galicia” (José Seijo Rubio), onde se evidencia a importancia da proximidade de cursos de auga na edificación de casas e vilas.
Malia que en todas estas obras se representa a auga en estado líquido, tamén é habitual atopala nos seus outros estados. Así, podemos vela en forma de neve no Cartel do Cebreiro que Camilo Díaz Baliño pintou para a exposición Iberoamericana de Sevilla (1929), e en estado gasoso nas nubes que cobren os ceos de paisaxes como “Gris” (Francisco Lloréns), na que o vapor dos nubarróns grises que lle dan título ameaza con desprenderse en forma de choiva.
Son precisamente estas precipitacións as que alimentan os mananciais e as fontes, lugares nos que o discorrer da auga crea ambientes de vida, de xuntanza e de socialización. Así o reflectiu Julia Minguillón en “Pepiña na fonte” (1944), coa representación de tres mulleres reunidas a carón dun manancial sobre o que se senta a protagonista, Pepiña, que lle dedica ao espectador unha mirada cansa, quizais por mor do traballo que supoñía carrexar a auga.
Esta necesidade do ser humano de acceder á auga motivou a construción de canalizacións e sistemas para facilitar o seu consumo, como a sella que se expón na antiga cociña conventual do museo e que se empregaba para transportala e almacenala, ou o pozo que preside o antigo claustro franciscano, espazo no que se conservan, ademais, unha canle de granito do s. XVIII e varias bocas de fonte con decoración antropomorfa: unha romana datada entre os ss. I e IV d. C. e tres barrocas, do século XVIII, procedentes da desaparecida fonte da praza de Sto. Domingo de Lugo.
Así pois, a auga está continuamente presente no noso entorno. Mesmo nos obxectos máis cotiáns, como en xerras ou floreiros, dos que o Museo Provincial de Lugo conta con exemplares nas coleccións de cerámica de Sargadelos e de vidro de La Granja de San Ildefonso.
A beleza cotiá da auga tampouco pasou desapercibida ante a mirada dos e das artistas, que souberon representala en bodegóns e escenas interiores como “Cerámica e cristal” (Manuel Abelenda) ou “A miña familia” (Julia Minguillón). Cos delicados detalles destas obras pictóricas, nas que a luz tingue a auga con brillos e cores, convidámosvos a valorar e preservar os nosos recursos hídricos, para que sigan sendo fonte de vida e de inspiración.
Dirección e Negociado de Coleccións do Museo Provincial de Lugo
VGS