Día Mundial dos Océanos no Museo Provincial de Lugo
No ano 2008 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 8 de xuño como Día Mundial dos Océanos, co fin de lembrar a súa relevancia para a vida no noso planeta e a necesidade do seu coidado. Ademais, dentro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), establecidos tamén pola ONU, o número 14 procura a conservación e o emprego sostible dos océanos, dos mares e dos recursos mariños.
Produtores de aproximadamente o 50% do osíxeno do planeta, os océanos albergan a meirande parte da biodiversidade da Terra e son fonte significativa de alimento e de medicinas (vid. https://www.un.org/es/observances/oceans-day). Desde o Museo Provincial de Lugo reivindicamos a importancia de velar pola súa preservación, e sumámonos ao festexo desta efeméride mostrando a súa presenza nas pezas das nosas coleccións.
Na Biblioteca do MPL expóñense tres frisos, pintados por Francisco Lloréns para a Exposición Iberoamericana de Sevilla (1929), nos que o océano se fai ostensible como fonte de sustento e motor económico: Alegoría da pesca, que presenta a catro homes pescando con redes a carón dun banco de peixes, Regreso da pesca, que mostra a un pescador co seu traxe característico e a catro figuras femininas carrexando o pescado en patelas e Fábrica de sardiñas, no que se representan varias mulleres traballando nunha industria conserveira.
Regreso da pesca (1929). Francisco Lloréns Díaz
Esta idea do océano como provisor de traballo e de alimento está tamén latente no gravado Mulleres do mar, de Julio Prieto Nespereira, que mostra a tres figuras femininas, sedentes ante un recipiente cheo de pescado, que sosteñen no regazo patelas e peixes nun espazo enmarcado polas redes de pesca que colgan sobre as súas cabezas.
Mulleres do mar (1957). Julio Prieto Nespereira
Mais estes recursos que os océanos nos ofrecen están sendo ameazados polo cambio climático e polos axentes contaminantes que son vertidos diariamente nas súas augas, causando o deterioro dos ecosistemas e a extinción de especies animais e vexetais. Neste sentido, cabe destacar a escultura Peixe, de Julio Prieto Nespereira, que representa a un animal mariño metálico, con relevos semellantes a mecanismos e engrenaxes que lembran á industrialización que tanto impacto pode chegar a ter no medio ambiente.
Peixe (ca. 1950-1969). Julio Prieto Nespereira
Esta imaxe contrasta coa dos peixes pintados por Lloréns na Alegoría da pesca, que nadan entre algas e corais, nun fondo mariño cheo de vida que nos convida a reflexionar sobre a importancia de coidar os océanos e a súa biodiversidade.
Detalle de Alegoría da pesca (1929). Francisco Lloréns Díaz
Con este pensamento, rematamos mostrando outra representación do océano, neste caso como ser mitolóxico: a figura de Oceanus que protagoniza o mosaico de Batitales, procedente dunha domus romana dos ss. III-VI d. C. Representado con longas barbas e pinzas de crustáceos na cabeza, Océano aparece rodeado de animais mariños para lembrarnos que outrora foi considerado deidade, e que hoxe segue a ser transcendental para o desenvolvemento da vida do ser humano.
Mosaico romano de Batitales (ss. III-IV d. C.). Procedente da Domus Oceani (Rúa Doutor Castro, Lugo)
Dirección e Negociado de Coleccións do Museo Provincial de Lugo/ VGS