Edgar Ribeiro

Centenario do seu nacemento.

Temática: Belas Artes

Esta proposta forma parte de: Acordanzas

Edgardo Ribeiro Nario (Artigas, Uruguai, 13 de outubro de 1921 – Maldonado, Uruguai, 22 de febreiro de 2006) é un dos autores representados na colección de artistas de Uruguai e Arxentina que se conserva no Museo Provincial. Foi un dos primeiros alumnos do taller de Joaquín Torres García, o creador e pensador uruguaio de orixe catalá iniciador do universalismo construtivo, figura esencial da arte do século XX e artífice da renovación e a evolución da pintura en Latinoamérica. Del precisamente o museo lucense acolleu en 2002 a exposición itinerante J. Torres García. Dibujos del universalismo constructivo.

Ribeiro pertenceu durante anos á Asociación de Arte Construtiva pero co tempo, viaxes e experiencias, afastouse das formulacións constructivistas e na súa obra, de variadas vertentes e temáticas, gravado, debuxo, muralismo, retratos, bodegóns…, predominou definitivamente a paisaxe. “Donde me siento más a gusto es en el paisaje. Aunque la figura me atrae y de vez en cuando hago ejercicios figurativos. Pero el paisaje, con su luz distinta en cada región plantea problemas que atraen siempre. No se puede pintar un paisaje en Francia, Holanda o Mallorca con el mismo criterio. Lo obliga a compenetrarse del espíritu, la luz y las características del lugar. Es imposible tener una fórmula para pintar paisaje. Es preciso descubrirlo, penetrar en él…pintando”. (Diario O Día. Montevideo, 6 de xaneiro de 1985)

Na traxectoria de Edgardo Ribeiro destaca a súa vocación e intensa dedicación á actividade docente. Foi profesor de debuxo no ensino secundario, de debuxo e pintura na Escola Nacional de Belas Artes en Montevideo e estivo á fronte de talleres de artes plásticas en distintas cidades do seu país, na capital, en Minas, Rocha, San José… En 1953 viaxou por primeira vez a Europa e a principio dos anos 70 instalouse en Mallorca, onde permaneceu durante uns 11 anos. Alí puxo en marcha un taller de pintura en colaboración co seu irmán Alceo, artista de quen o Museo Provincial tamén posúe un cadro. A vida na illa, a luz e a paisaxe mediterránea sen dúbida repercuten na pintura de Edgardo que aos poucos se transforma. A súa produción desta etapa é intensa e ademais desde Mallorca participa en actividades culturais e permanece en contacto con artistas doutros lugares de Europa.

Ribeiro é un pintor amplamente premiado e recoñecido. Gran Premio de Pintura no IV Salón de Artes Plásticas do Interior en 1951, Medalla de Ouro no XVIII Salón Nacional en 1954 e Gran Premio de Pintura no XIX Salón Nacional de Artes Plásticas en 1955 son algúns dos galardóns que recibe en Uruguai. Cara a 1985 regresa a Montevideo, pero praticamente ata a súa morte manterá estancias temporais en Mallorca.

O cadro de Edgardo Ribeiro do Museo Provincial pertence ao momento de encontro do pintor coa paisaxe da costa mediterránea. Porto de Palamós é unha pintura ao óleo sobre lenzo asinada en 1972. Representa unha vista desa poboación costeira da comarca do Baix Empordà na provincia de Xirona. Unha vila cun centro histórico de orixe medieval e importante tradición pesqueira. O pintor encadra unha paisaxe do lugar ben recoñecible en postais da época. Suave orografía, parte do núcleo urbano e a praia ao pé do mesmo coas barcas varadas na area. Entre as construcións, sobresaíndo sobre elas, destaca un edificio de grandes dimensións construído en 1899 que sería remodelado en 1996 para converterse no Centre Cultural A Gorga, de titularidade municipal.

É un traballo feito con soltura que combina a mancha lixeira co trazo oscuro para debuxar algúns elementos da composición e que aínda mostra a ata entón característica paleta de tons tenues e apagados, con predominio de terras, ocres, verdes e grises. Pero a pintura de Ribeiro moi pronto acusará a luminosidade mediterránea, que traerá consigo a viveza das cores propia das súas obras posteriores.

Xunto á data e a firma que aparecen no ángulo inferior dereito da pintura distínguese unha pequena cruz. A que o pintor, un home comprometido e liberal, colocou simbólicamente nas obras que realizou durante a súa estancia en España ata a chegada da democracia.

LY/Departamento de Belas Artes. MPL.

Enlaces de interese

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes