O valor das palabras. Ou como crear mundos novos desde o dicir e o facer nos museos
O valor das palabras. Ou como crear mundos novos desde o dicir e o facer nos museos
EdMS26

Aniversario da Rede e do Pazo de Tor
Pazo de Tor
30/09/2026
A Rede Museística Provincial de Lugo, ao abeiro da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co apoio do Comité Internacional para a Museoloxía Social (SOMUS–ICOM), organiza o vindeiro mércores 30 de setembro de 2026 a xornada presencial «O valor das palabras. Ou como crear mundos novos desde o dicir e o facer nos museos». A cita terá lugar no Museo Pazo de Tor (Monforte de Lemos) en horario de 11.00 a 18.30 horas, incluído un xantar colectivo. Este encontro supón o peche presencial da edición 2026 de Estratexias de Museoloxía Social (EdMS26), que tras reunir a preto de 300 participantes de diversos países iberoamericanos nun ciclo de conversas en liña durante a primavera arredor da saúde, a cultura de paz e o bo vivir, trasládase agora ao territorio para propiciar unha experiencia situada, compartida e participativa.
O encontro adquire unha relevancia singular ao inscribirse na celebración do dobre 20 aniversario da Rede Museística Provincial de Lugo e do Museo Pazo de Tor baixo o lema «20 anos tecendo xuntos», dúas décadas de labor continuado a prol da participación, a inclusión e a función social dos espazos culturais. Con este punto de partida, a xornada formula un convivio horizontal orientado a profesionais e axentes da cultura, a educación, a mediación e a xestión cultural, así como a toda a comunidade de EdMS. O propósito central é deter a mirada sobre os termos que empregamos habitualmente —tales como coidado, comunidade ou bo vivir— para analizar como se traducen en metodoloxías, decisións e vínculos reais coa contorna, recoñecendo que o xeito de nomear inflúe de xeito directo no deseño dos proxectos e na construción do benestar común.
A metodoloxía da xornada, que estará facilitada por Leonardo Casado, artéllase arredor da reflexión-acción participativa a través de catro momentos de traballo combinados con dinámicas narrativas, performativas e de escoita activa: «Unha palabra trouxome ata aquí», «De verbos e prácticas», «Museo das palabras feridas» e a elaboración colectiva dun «Glosario situado», concibido como unha ferramenta viva de referencia para o traballo museístico desde os territorios.
A participación na xornada é gratuíta, aínda que con prazas limitadas ata completar aforo, polo que as persoas interesadas deben formalizar a súa inscrición previa a través da ligazón de aquí abaixo.


