Un ano máis, desde a Rede Museística Provincial de Lugo abrimos o noso espazo de conversas iberoamericanas, un foro de reflexión colectiva arredor dos retos da museoloxía social. Nesta edición de 2025, tomamos como punto de partida o lema do Día Internacional dos Museos: “O futuro dos museos en comunidades en constante cambio”. O Consello Internacional de Museos (ICOM) convídanos a repensar o papel das nosas institucións como espazos de conexión, identidade cultural e participación activa nun contexto global atravesado por múltiples desafíos para a diversidade.
Desde a Rede, cruzamos este marco internacional coa nosa propia liña de traballo no territorio, centrada nos retos sociais da museoloxía en relación coa interculturalidade: Como poden as institucións culturais convertirse en espazos reais de acollida, representación e diálogo? Que estratexias e metodoloxías estamos a poñer en marcha para ceder espazo ás voces e corpos das comunidades migrantes e racializadas? De que maneira podemos contribuír, desde a cultura, á construción dunha sociedade máis inclusiva?
A proposta estrutúrase en tres eixos complementarios: un ciclo de conversas en liña durante o mes de maio, un espazo virtual de aprendizaxe aberto durante todo o ano e un obradoiro presencial previsto para o outono. Tres momentos para aprender compartindo e seguir construíndo, de forma colaborativa, unha museoloxía crítica, inclusiva e comprometida coa diversidade.
Ciclo de conversas | Comunidades en constante cambio: diálogo intercultural e diversidade
O ciclo de conversas desenvolverase todos os martes entre o 6 e o 27 de maio (ambos incluídos), en horario de 17:00 a 18:30 (horario de verán en Lugo: CEST / UTC +2).
Cada sesión contará coa participación de dúas profesionais de referencia do ámbito iberoamericano e incluirá unha primeira parte expositiva, seguida dun espazo de conversa aberta coas persoas participantes que se conecten en directo. As sesións serán gravadas e estarán dispoñibles para a súa consulta posterior polas persoas inscritas, xunto con materiais complementarios e recursos compartidos.
Para acceder a todos os contidos e aos enlaces das conversas habilitarase un espazo dixital que funcionará como repositorio de experiencias e propostas vinculadas á diversidade e ao diálogo intercultural nos museos. Este entorno virtual permitirá compartir prácticas, reflexións e proxectos tanto da comunidade iberoamericana como do propio traballo desenvolvido pola Rede Museística Provincial de Lugo nesta liña.
Convidámoste a sumarte para construír coñecemento de forma colaborativa e seguir tecendo redes de aprendizaxe compartida, coa cultura como ferramenta para o cambio social.
