Facer territorio atando cabos

un proxecto de Irene Trapote comisariado por Sergio Marey

O Museo Provincial do Mar en San Cibrao, Lugo, acollerá o vindeiro mércores 17 de xuño ás 19:30 horas a inauguración da exposición “Facer territorio atando cabos”, un proxecto artístico da creadora interdisciplinar Irene Trapote baixo a curadoría de Sergio Marey. Esta mostra preséntase como o froito directo dun intenso mes de traballo colaborativo e horizontal entre a artista e as redeiras da Mariña lucense, co obxectivo de situar no centro da institución os seus saberes historicamente invisibilizados.

A exposición céntrase de cheo na exhibición dos resultados deste proceso de creación compartida, mostrando pezas que adoptan a forma de instalación téxtil, sonora ou híbrida para activar e habitar este oficio tradicional dende a linguaxe da arte contemporánea. A través do recoñecemento público do seu labor, a proposta busca xerar un impacto real e unha reparación simbólica ao integrar as narrativas destas mulleres de San Cibrao, Burela e Viveiro no relato museográfico oficial do centro, convertendo as participantes en suxeitos políticos e portadoras dun coñecemento situado que dignifica os oficios feminizados.

Con esta presentación, que se integra no programa SoTERRAdas da Rede Museística Provincial de Lugo, o museo aspira a funcionar como un organismo vivo de resonancia para que emerxa publicamente unha memoria colectiva e un patrimonio emocional profundamente vinculado ao mar Cantábrico. Ademais, no marco desta exposición e coa vontade de estender estes resultados á cidadanía, a artista realizará un obradoiro comunitario de tecido de rede no propio Museo do Mar o xoves 18 de xuño en horario de 17:00 a 19:00 horas. Esta actividade práctica permitirá ao público experimentar as técnicas e profundar no vínculo coa contorna, sendo preciso para apuntarse enviar un correo electrónico ao enderezo museodomar@museolugo.org ou formalizar a inscrición chamando ao teléfono 982 594 572.

Tamén che pode interesar

Comparte nas túas redes