Luz Antequera
75 anos do seu nacemento.
Temática: Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
Luz Antequera
(Cáceres 14 de agosto de 1948 – A Coruña 2006
75 anos do seu nacemento
A pintora María Luz Antequera Congregado nace en Cáceres en 1948, filla de Antonio, que era ferroviario e ebanista, e Dionisia, unha recoñecida modista, emprendedora e pioneira. Luz crece nun ambiente de traballo, creatividade e talento onde pronto se manifestan as súas inquietudes artísticas.
Co tempo, a súa vida acaba vinculada a Galicia, en particular ás cidades de Lugo e A Coruña. Na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando de Madrid comparte estudos co lucense José Ignacio Pardo Pedrosa, con quen casa en 1970.
En 1975 obtén por oposición a cátedra de debuxo para institutos de ensinos medios e comeza a impartir clases no Instituto Feminino Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo. Uns anos máis tarde un novo destino lévaa ata A Coruña onde establece o seu domicilio familiar. A dedicación á docencia non lle impide manter a faceta artística. Participa en exposicións e certames de ámbito nacional (Concurso Blanco y Negro, Ateneo de Madrid, Bienal de Zamora…) e en 1976 gaña o primeiro premio no concurso de pintura do Bimilenario da Fundación da Cidade de Lugo cun cadro figurativo e simbólico titulado Arde Galicia, unha obra que se conserva no Museo Provincial.
En 1991 presenta a súa tese doutoral na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid, un traballo titulado Arte e astronomía: evolución dos debuxos das constelacións no que establece posibles relacións entre a disposición das pinturas dos animais da Cova de Altamira e as constelacións. O seu interese case obsesivo pola cosmogonía queda en parte reflectido na súa pintura e nas colaboracións mantidas durante anos co Museo das Ciencias de A Coruña.
Ao longo da súa traxectoria artística, Luz Antequera móvese no campo da figuración e dedica un espazo importante ao xénero do retrato.
A pintora falece en 2006, aos 57 anos.
Cadros de Luz Antequera no Museo Provincial
No museo consérvanse dous significativos cadros da pintora que exemplifican ben a súa arte, o xa mencionado Arde Galicia e Retrato de María Teresa Sierto.
Arde Galicia
1976
Óleo sobre lenzo
100,7 x 81,5 cm
Para conmemorar o dous mil anos da fundación da cidade de Lugo polos romanos, en 1975 e 1976 celébranse na cidade numerosos e variados actos culturais e festivos organizados e coordinados por un padroado e varias comisións creadas para o efecto. O cadro Arde Galicia recibe en 1976 o primeiro premio do Concurso-exposición de Pintura Bimilenario da Cidade de Lugo, un dos moitos actos programados. A comisión organizadora do evento doou esta pintura ao museo no ano 1977.
É unha obra figurativa que se afasta da mera representación e fai uso do simbólico. A pintora elabora unha imaxe que impacta polo contraste entre a serenidade que transmite a muller nova que mira de fronte ao espectador, que hipnotiza, e o drama do lume, do queimado. Antequera consegue crear unha figura icónica cal Verónica mostrando o veo. A obra caracterízase polo contido uso da cor en gamas de ocres, terras e grises e o recurso técnico das veladuras para lograr o efecto do fume. O cadro é a obra dunha artista moi sensibilizada e con preocupación ante o grave problema dos incendios que xa entón afectaban o territorio galego. De 1973 a 1978 arderon en Galicia aproximadamente unhas 300.000 hectáreas de monte.
Retrato de María Teresa Sierto
1983
Óleo sobre lenzo
200 x 163 cm
Retrato de María Teresa Sierto é un cadro de 2 metros de alto por 1,63 de ancho composto por catro bastidores cos seus respectivos lenzos unidos pola parte traseira para formar a gran superficie pictórica. A montaxe apenas se aprecia pola coincidencia das unións con algunhas liñas do debuxo.
A pintora utiliza recursos propios da fotografía: encadre fotográfico, contraste lumínico, viveza da cor, definición de liñas, perfección do trazo, brillos e liñas de luz… Manexa códigos fotográficos de obxectividade e fidelidade ao real. É fácil establecer paralelismos con artistas estadounidenses e británicos das décadas dos 60-80 do século XX. Edward Hopper (Western Motel. 1957), David Hockney (Mr. and Mrs. Clarck and Percy. 1970). Tamén co novo realismo que se desenvolve en España a partir dos anos setenta, do que temos bo exemplo na pintura de González Cuasante.
Antequera coida moito a composición. O plano intermedio da ventá tipo galería separa o primeiro plano, a escena de interior coa muller sentada, do fondo, o exterior de ceo e nubes. Unha escena sinxela en aparencia, pero moi pensada e equilibrada.
Esta pintura encerra unha triste historia. Luz Antequera pinta este cadro en 1983. A modelo é a súa amiga e pousa durante meses para a pintora. O cadro apenas está acabado cando se produce a morte tráxica de María Teresa.
En 1984, Manuel Sierto, o pai da muller retratada, cede o cadro en depósito ao Museo Provincial.
Na actualidade, os dous cadros de Luz Antequera atópanse na área de reserva do museo.
LY/Departamento de Belas Artes
Enlaces de interese
Tamén che pode interesar
O Museo Provincial de Lugo lembra ao pintor Tino Grandío cando se cumpren 100 anos do seu nacemento
Tino Grandío 100 anos do seu nacemento. Temática: Belas Artes