María Cagiao
50 anos da sua morte.

Temática:| Belas Artes
Esta proposta forma parte de: Acordanzas
María Cagiao naceu na Coruña, en 1919. Foi unha artista autodidacta coñecida como a “pintora das flores”. Nos seus cadros de peonias, azaleas, hortensias, caraveis e, sobre todo, rosas, as favoritas, a artista adquire unha gran mestría na súa execución. Estas composicións están realizadas con gran espontaneidade e sen debuxo previo, cunha pincelada moi matérica e unha paleta de cores brillantes.
Cesto con flores. María Cagiao. Museo Provincial de Lugo
Ademais abordou outros temas como o retrato, a paisaxe e o bodegón, sendo a súa etapa mais produtiva a comprendida entre os anos 1959 e 1965.
Dende a súa primeira exposición, na sala da Asociación de Artistas da Coruña, no ano 1942, exporá en varias localidades galegas e fóra do noso territorio como Salamanca, Madrid, Oviedo, León, Málaga ou Valencia e, tamén, en Cuba e Portugal e obtivo diversos galardóns entre os que destacamos o primeiro premio da Asociación de Artistas da Coruña, en 1943
María Cagiao morre no mes de xuño de 1971, pero deixa unha nutrida produción repartida por moitos lugares do mundo.