Museo viaxeiro

Maletas viaxeiras

Maleta-viaxeira

Dede a Rede Museística Provincial de Lugo buscamos estar sempre preto da comunidade escolar, tecendo lazos con ela e ofrecéndolle propostas educativas diversas, multidisciplinares e inclusivas. Con este fin, este curso presentamos o proxecto “Museo viaxeiro”, unha actividade novidosa que cambia as tornas da relación museo-visitante: nesta ocasión seremos nós quen visitemos os centros escolares! Para iso, contamos con “maletas viaxeiras”; cargadas de materiais educativos, recursos interactivos e toda a esencia dos nosos catro museos.

Con esta particular equipaxe, desprazarémonos ata os centros de ensino para plantar a semente dun proxecto didáctico que medrará ao longo do curso escolar e no que o alumnado será o protagonista. Aprenderemos que é un museo, quen traballa nel, como se forman as coleccións, por que é importante conservar o noso patrimonio e de que maneira podemos, a través da historia e da cultura, construír un mundo máis sostible e inclusivo.

Trala nosa visita, deixaremos a maleta a disposición da rapazada, que a empregará para crear o seu propio museo traballando conceptos como patrimonio, identidade, territorio, inclusión ou sostibilidade. Finalmente, esa equipaxe que viaxou ata a escola cargada con materiais dos nosos museos, retornará a nós máis grande e pesada, pois traerá novos museos e novas miradas ao patrimonio: as de cada alumno ou alumna.

Tamén lle pode interesar

Comparte nas túas redes