Museo viaxeiro
Maletas viaxeiras

Temática: Educación e mediación
Público: Comunidade educativa
Esta acción forma parte de: Programa escolar
Onde se desenvolve: Museo provincial de Lugo | Museo provincial do Mar | Museo-Fortaleza San Paio de Narla | Pazo de Tor
Presencial
Dede a Rede Museística Provincial de Lugo buscamos estar sempre preto da comunidade escolar, tecendo lazos con ela e ofrecéndolle propostas educativas diversas, multidisciplinares e inclusivas. Con este fin, este curso presentamos o proxecto “Museo viaxeiro”, unha actividade novidosa que cambia as tornas da relación museo-visitante: nesta ocasión seremos nós quen visitemos os centros escolares! Para iso, contamos con “maletas viaxeiras”; cargadas de materiais educativos, recursos interactivos e toda a esencia dos nosos catro museos.
Con esta particular equipaxe, desprazarémonos ata os centros de ensino para plantar a semente dun proxecto didáctico que medrará ao longo do curso escolar e no que o alumnado será o protagonista. Aprenderemos que é un museo, quen traballa nel, como se forman as coleccións, por que é importante conservar o noso patrimonio e de que maneira podemos, a través da historia e da cultura, construír un mundo máis sostible e inclusivo.
Trala nosa visita, deixaremos a maleta a disposición da rapazada, que a empregará para crear o seu propio museo traballando conceptos como patrimonio, identidade, territorio, inclusión ou sostibilidade. Finalmente, esa equipaxe que viaxou ata a escola cargada con materiais dos nosos museos, retornará a nós máis grande e pesada, pois traerá novos museos e novas miradas ao patrimonio: as de cada alumno ou alumna.
Tamén lle pode interesar
Tres novas accións de proxección externa da Rede Museística Provincial de Lugo
Tres novas accións de proxección externa da Rede Museística Provincial de Lugo


