“As carolas e os autocoidados no mar de setembro”

con Noemí Díaz Orol

 Museo provincial do Mar

14/03/2026 ás 17:30h.

Este vindeiro sábado 14 de marzo, as 17:30 h, o Museo Provincial do Mar convértese no escenario dunha nova cita do ciclo Encontro de Saberes: Cousas Nosas. Baixo o título “As carolas e os autocoidados no mar de setembro”, contaremos coa presenza de Noemí Díaz Orol, quen nos achegará ao relato vital dunhas mulleres que sabían escoitar o que o corpo lles pedía tras o esforzo do verán.

Noemí Díaz Orol rescatará a historia das carolas ou canouras, esas mulleres que baixaban do interior da provincia coas mans curtidas pola terra e os ósos cansos de tanto verán. Despois de meses de trafegos duros, de luitar co sol e coa colleita, chegaban á costa buscando o milagre de setembro. Non viñan por turismo, viñan por necesidade: os baños de mar eran a única menciña capaz de recompor uns corpos esforzados que xa non daban máis de si. Eran mulleres que sabían que o mar, co seu efecto sanador, era o único que podía borrarlles os males antes de volver á rutina do fogar e do campo.

Agardámosvos no museo para compartir este encontro que reivindica a sabedoría das nosas mulleres, esas que sabían que o benestar non era un luxo, senón un dereito que se conquistaba entre onda e onda. Será unha tarde para escoitar o que o mar lle contou a xeracións de carolas, nun deses relatos que nos lembran quen somos e, sobre todo, de onde veñen as nosas cicatrizes.

Comparte nas túas redes